antea de hacer esto haz esto otro         

Canastrón de Casais

  Teño corenta e dez anos e fai corenta que vin por primeira vez, en persoa, unha canastra de baloncesto, aínda que na televisión víaas no programa Cesta y Puntos de Daniel Vindel. Foi no meu instituto, onde había tres pistas en liña: balonmán, baloncesto e voleibol. En todas xogabamos ao fútbol. Os máis grandes xogaban na de balonmán, que xa tiña as porterías, os do medio xogaban na de baloncesto (púñanlle pedras para facer as porterías), e nós, os pequenos, na de voleibol, coa rede descolgada e tamén con pedras como porterías. As canastras e a rede eran testemuñas das evolucións futboleiras dos meus compañeiros, das miñas non, pois era negado para o fútbol. Estaba para nacer a miña afección.

  Un día, o balón da pista de balonmán chegou á pista de voleibol, colleuno Celestino Casais que medía un metro e pico e tiña unhas zapatillas da casa, non de deporte, que eran tamén os zapatos para ir á escola (moitos adoitabamos ir así). Xa digo, colleu o balón coas mans e deulle un zapatillazo como se fose un saque de portería. Aquel balón voou polo ceo da pista de baloncesto e entrou na canastra, sen tocar o aro. Pensei moitas veces se a canastra non se puxo na traxectoria do balón para que nos fixásemos nela. Que canastrón! Aplaudímolo e dende aquela varios e mais eu empezamos a xogar ao baloncesto, ao ver que non era tan difícil meter unha canastra.

 Comecei a ver partidos na televisión para ver aqueles ídolos: Vicente Ramos, Carmelo Cabrera, Brabender, Luyck... España co tempo chegou a ser campiona do mundo cos Gasol, Rudy, Calderón... E agora está a vir Riky Rubio. A xogada de Celestino Casais, como non tiña móbil para gravala, graveina na miña memoria e lembreime dela cando vin a Riky Rubio meter unha canastra estilo Casais, nunha propaganda de hamburguesería. Non creo que Riky Rubio metese a canastra no primeiro intento nin no último tampouco. Penso que foi unha montaxe.


Falo galego

  Adoito falar galego sempre e dende sempre, sempre e cando vexa que me entenden. E non me importa que me falen en castelán, pois entendo perfectamente. Non falo galego para que se me note que son galego. Aínda que falase en castelán, tamén se me notaría. Moitos coñecidos meus, que son castelán-falantes, confésanme que só falan galego comigo, incluso unha madrileña di "éche o que hai" mellor ca ninguén, e un cordobés fálame en galego con acento andaluz. Despois das eleccións díxenlle a cada un deles: "Xa non tes que falar en galego comigo, pois o decreto do galego vano abolir", e contestáronme máis ou menos todos igual: "Fáloche en galego por ti, non polo decreto". O outro día lin unha entrevista que lle fixeron ao Sr. Nuñez Feijoo e chamáronme a atención dúas preguntas e dúas respostas. Preguntáronlle se era do Deportivo ou do Celta, e contestou: "A un niño no se le pregunta a quién quiere más, a papá o a mamá". Aznar é do Real Madrid e Zapatero é do Barcelona. Se é dalgún deses equipos non pasa nada. MÓLLESE SR. FEIJOO, non vai perder votos, as eleccións xa as gañou. A outra pregunta era se adoitaba falar en galego ou en castelán. Contestou: "Si se dirijen a mí en gallego hablo en gallego, si se dirijen a mí en castellano hablo en castellano". Pero non dixo que é o que fala cando se dirixe el. MOLLESE SR. FEIJOO, non vai perder votos, as eleccións xa as gañou. No buscador Google, se escribimos FABRICADO EN GALICIA e lle damos ao botón para traducir ao galego, pon "MADE IN GALICIA" e se escribimos "FEITO EN GALICIA" e lle damos ao botón para traducir ao castelán, pon "FABRICADO EN BRASIL". O galego está en perigo, hai que fomentalo, hai que defendelo e hai que falalo. É a nosa máis grande seña de identidade. Presumamos de selo e de falalo. Cerremos o paraugas. Mollémonos, pois non van mexar sempre por nós.

Aclaracións idiomáticas

  Eu falo galego, pero non son nacionalista. Xa o falaba cando eles se agochaban detrás do castelán. E ríanse de min. Eu era dos arrabaldes da miña vila, e falabamos galego, como en todas as aldeas do concello. Só no centro falaban castelán. Cando veu a democracia encomezaron a xermolar nacionalistas por todas as partes. Facían manifestacións e folgas por calquera cousa. Reprochábanme, ensinándome fotos dos xornais, por non estar na foto, e eu dicíalles: "Como vou estar, se a foto a fixen eu". Eu ía á escola, que era o meu sitio. Era covarde? Posiblemente. Pero eu non me deixaba manipular. Endexamais fun a unha manifestación, nin tiro pedras, non son violento, nin viorrápido. Son galego-galeguista, e penso que o galego non é patrimonio do BLOQUE. É de todos. Dos castelán-falantes tamén, aínda que o neguen. Falan castelán porque "es más cómodo, tiene más perspectivas". E eu dígolles: "É moito mais cómodo falar en inglés, ten aínda moitas máis perspectivas, falemos todos inglés, eu apúntome. Renuncio ao galego. Renuncias ao castelán? Cal é a túa resposta negativa castelán-falante? Pois eu tampouco renuncio ao galego".

Homenaxe a Miro

  Endexamais pensei que mandarlle unha felicitación de aniversario a unha amiga fose pecado, endexamais pensei que adicarlle unha canción pola radio a unha amiga fose pecado, endexamais pensei que mirar para dous diamantes fose pecado. Miro tampouco o pensou.
  Miro é un home apoucado, mal parecido, cuns cus de vaso como lentes, está máis preto dos trinta anos ca dos vinte, de feito ten trinta e pico. É un anaco de pan, de pan de Carballo. Miro Mira miraba e admiraba a Maruxa, posuidora duns ollos azuis e luminosos, que lle daban vida aos ollos cansos de Miro. Dicíame: "A Maruxa e a min so nos separa unha liña recta e os ollos de Maruxa danme calidade de vista, parece que vexo mellor". E eu dicíalle: "Non quites as lentes, por se algún día che vota a bronca por mirar para ela, sempre lle poderás dicir que estás mirando para as lentes".
  Deus axudárao moito, coincidíalle moi a miúdo ver os ollos-diamantes de Maruxa. Ata que pecou, ata que quitou as lentes, ata que tivo a ousadía de felicitala, de adicarlle unha canción... Maruxa pensou que el a miraba con outros ollos. Enganábase, el mirábaa como algo espiritual, como algo platónico. Por eses pecados Deus castigouno e Maruxa tamén. Miro atopa case que sempre os ollos de Maruxa pechados, sen cor, sen luz. Xa leva unha tempada coas lentes, triste e deprimido.
  Estou a esperalo, está a punto de chegar, e eu teño un plan, pois ándanme rondando. Pero quedei de esperalo e espero. Son fiel. Velo aí vén; vén sen lentes. Debeu ver os ollos-diamantes de Maruxa. E ademais vén sorrindo. Debeu ver o sorriso de Maruxa. Aquí está e dime: "Toby, vai dar unha voltiña, xa vexo que tes plan". E fun ladrando detrás da Alana. É boa verdade que o home é o mellor amigo do can, ou é do revés? O certo é que Miro é o meu mellor amigo.

Arranxos á crise


  Visto o visto, as medidas do Goberno non funcionan. Temos que ser nós, os de a pé, os que teñamos que coller o touro polos cornos e darlle a volta a esta España recesiva. Temos que consumir, pois así manteremos os postos de traballo e regalémoslle á Banca "luces", que nestas datas hai en moitos negocios, para ver se se decata que deixando cartos medrará o consumo, o emprego e a economía, e así a Banca tamén medrará. E regalémoslles ás Grandes Empresas e Multinacionais tamén "luces", para ver se se decatan de que o traballador precisa ter poder adquisitivo e tempo libre para comprar os seus produtos.
  Recapacita Scrooge (personaxe de Charles Dickens nun "Cuento de Navidad", que representa mellor ca ninguén á Banca e ás Empresas) a ver se renace en ti o Espirito de Nadal , pois se non recapacitas, chegaremos á economía de subsistencia.
  E se non deixémonos ir ata un 25 ou 30 % de índice de paro, e daquela si que o Goberno ten que tomar as rendas, repartir os traballos. Darlle un traballo a un membro de cada parella, a un el ou a unha ela, a un el ou a un el, a unha ela ou a unha ela. E ó outro darlle unha paguiña e darlle unha cotización. Coa paguiña e co que se aforra, andando á caza de ofertas e aproveitando mellor os restos de comida, conseguimos case o salario mínimo. Que gañaremos? Moito. Poderemos ter máis fillos, naturais ou adoptados; así medraría o índice de natalidade. Os nenos merendarían anacos de pan cunha mazá, cun plátano ou cun bocadillo de chourizo... Xogarían máis na rúa cos outros nenos. Diminuiría o índice de obesidade. As parellas durmirían xuntas, diminuiría o estrés, diminuirían os divorcios, pasariamos as vacacións xuntos, a familia gañaría en ética e en moral. Seriamos todos máis bos. E o máis importante: os avós gozarían por fin da súa tan merecida xubilación. Posiblemente non teriamos o AVE, pero así teriamos menos problemas coa gripe aviaria.

Afán recadatorio


  Quero protestar e protesto polo afán recadatorio do Goberno. Eu sempre reciclo vidro, papel e cartón, e andaba co meu coche en marchas longas, na punta do gas para non encher de malos aires a atmosfera e para non encher de aire o meu peto.
  Resulta que nunha recta sen curvas con dous carrís de 5 metros cada un, con dúas beiravías de 3 metros cada unha, e entre cada beiravía e a beirarrúa hai outra beiravía de 3 metros, pois iso, múltanme por ir a 75 km/h onde está sinalizado a 50. Cen euros. (Non sei se multarían a un sapoconcho que acababa de adiantarme).
  Cen euros que me costa 28 horas gañalos, pero eses 100 euros son ingañables, terei que renegociar co banco a miña hipoteca, posiblemente teña que tardar 15 días máis en amortizala.
  Agora aprendín a lección, ando á velocidade que me din os sinais, que se a 30 a 30, que se a 50 a 50..., reducir, acelerar..., para conseguir a velocidade que a lei quere, teño unha tendinite no pé dereito e unha tendinite nos ollos de tanto mirar para o marcador de velocidade e para a estrada.
  Pasou o que tiña que pasar, nunha mirada ao marcador de velocidade, sentín un topetazo, matei un can, un can de raza autóctona, era un can de palleiro, era dun amigo meu, un militante de base do partido socialista. Encarouse comigo. E díxenlle: "Quedo aí, comenteino con Rajoy e díxome que era culpa de Zapatero". O meu amigo, que sempre andou con chaqueta de pana, agora anda con chaqueta de traxe con gravata e camisa, e creo que está deixando bigote.
  Posiblemente me multarán por esta historia con 300 euros e posiblemente me quitarán dous puntos, pero Zapatero seguramente perderá dous votos e seguramente perderá ó Z de Zapatero, pois ó Z é do Zorro e seguramente perderá ó R de Rodríguez, pois ó R é do Raposo.

Reproche á Rubia da Coruña

  Ola Estrella! A que endexamais che dixen hoxe que tes un pelo loiro moi bonito? Pois non cho vou dicir, pois este relato é un reproche.
  Fai uns anos pedinche que me mesturases unha cervexa de verdade con outra de mentira (ou sexa unha normal e unha sen), para así obter unha cervexa de 2.6 % de alcohol. Non me fixeches caso, agora saio cunha tal Cruz apelidada Campo, alcumada LIGTH. Eu que sempre falei en galego, incluso na escola cos mestres, nos tempos de Franco, agora teño que falar en castelán, para entenderme coa sevillana. Eu, que son máis galeguista que Quintana (dixen galeguista, non nacionalista), ata teño unha moeda suboficial, porque oficial é anticonstitucional. O PESO: 5 céntimos son un PESO, 50 céntimos son dez PESOS, un euro son vinte PESOS. De feito estou pensando en montar un negocio de TODO A VINTE PESOS.
  Teño que despedirme de ti, teño cita con Cruz, quero que saibas que sigo namorado de ti, que se ti me quixeses a milésima parte do que eu te quero a ti, compraría un décimo de lotería do Nadal gañador, secuestraríate e levaríate a unha illa deserta, onde o sol quentase día e noite, e que ademais tivese un hotel de 5 estrelas, que contigo sería de 6.

Outono chuvioso

  Neste outono temos de todo: choiva, tronos, lóstregos, aire, vento e ata un tornado. Si, un tornado (esperemos que non torne). Entrou na fábrica de conservas de Carballo, sen permiso do vixiante e fixo moitos estragos materiais. Menos mal que o xefe das inclemencias meteorolóxicas non lles dá as fins de semana libres (cousa que están reivindicando) e tivo o tornado que traballar de domingo, que senón...!
  Nunca choveu que non escampara, ata este outono! Que maneira de chover! Será porque eu canto mentres me ducho? Non é que cante moito!  Serán polo cambio climático estes extremos ou serán pola crise? Como a crise é global creo que fixeron un E.R.E. (expediente de regulación de emprego) no ceo, e quedaron sen traballo Lorenzo e Catalina. Agora traballan de cando en vez na economía submerxida. Traballan pouco. Teñen medo de que os pillen. A ver se, agora que vén o Nadal, lles fan un contrato de longa duración, pois precisamos andar para descolesteralizarnos dos poucos excesos, que cada vez son menos.
  Andar tamén se anda chovendo, pero non é o mesmo. Móllaste, empápaste e encharcas os pés. Aínda que eu merquei uns zapatos de Gore-Tex nun centro comercial, cuxo nome non direi, pero que ten apelido francés, ou inglés?

Multa inxusta






  Isto pasou na estrada Carballo-A Coruña hai uns días. Eu como sempre ía con Fran no seu coche. Fran é un compañeiro meu. Fran é moi escrupuloso coa conducción, quere estar sempre 100% concentrado, non polas multas, senón pola seguridade. Cando entramos no coche dime que cale para non distraelo. Non fuma no coche, non mete o dedo no nariz e nin sequera ten aparato de radio-CD, por se as... SGAE.
  Cal foi a nosa sorpresa cando nos parou Tráfico. O axente meteulle unha multa por ir falando polo móbil. Fran díxolle que non, que el non falara polo móbil dende había case que unha hora, e se non que me preguntase a min. O axente non me quixo preguntar. Eu ía dicirlle a verdade, pois eu non minto.
  Eu son o móbil de Fran. Se o axente me preguntase daríase  conta de que facía unha hora da última chamada feita e tres cuartos de hora da última recibida. Fran recurreu a multa e tamén vai a ir ao Defensor do sentido común.

¡Pacto xa!



  Adeus catrocentos euros! Cando vos volverei a ver? Hai un refrán que di Santa Rita..., pero o noso presidente do Goberno non cre nos refráns, nin nos santos, nin en Deus, polo menos en España, porque en USA si, en USA reza. Eu para este ano pedín un desexo: que os piratas, AL-QAEDA ou a ETA secuestren a crise e o paro. E que Zapatero non pague o rescate, como adoita facer. E que o Sr. Rajoy tampouco o pague, aínda que como é obvio gustaríalle pagalo. Cando alguna seleción española deportiva gaña algún campionato (de Europa e Do Mundo) todos aplaudimos, os políticos tamén. Para aplaudir fai falta a dereita e mais a esquerda. Para arranxar a crise tamén. Señores dirixentes, lembrádesvos do pacto da Moncloa? Pois iso, se non é na Moncloa, que sexa na Zarzuela, e senón diante dunha zarzuela de peixe ou dunha parrillada de marisco, galego naturalmente, pero pactade.

Galego no senado



  Falo galego dende sempre. E falo sempre galego, se vexo que me entenden. E a algún castelán-falante, por contaxio, escápaselle algunha que outra verba galega.
  A miña amiga Conchi (que endexamais usou o galego) incluso mantén conversas comigo en galego, e eu estou moi orgulloso dela por falalo e de min por contaxiarllo. E tamén estou orgulloso de que se fale galego no senado.

  Moitos consideran a Cámara Alta unha torre de Babel, pero non é unha torre de Babel, nin sequera a torre de Pisa é unha torre dereita e moi erguida. Cuns bos alicerces e catro piares: o castelán, o catalán, o galego e o euskera. Non me vale a desculpa de que España non está para gastos para seguir obviando as outras linguas. Tampouco España está para gastos para eleccións anticipadas e non fan máis que pedilas (e esas si que son caras).

Gústame que se falen todas as linguas oficiais en Madrid, para ver se se enteran os Pepe Maris, os Marianos e os Pedro Jotas que España é moito máis que castellano, toros y flamenco.

Malo será!



  Nun principio, as medidas que tomou o goberno para aforrar parecéronme unhas chorradas. Que aforro eu cunha lámpada de baixo consumo que me regalou o ministro Sebastián? Que gañamos indo a cento dez se a produtividade baixa ao chegar tarde aos sitios ou descansando menos?

  Funme amoldando. Quitei todas as lámpadas de alto consumo e teño a que me regalou o ministro no meu peto e, se vou á cociña, enróscoa na cociña e así a calquera lugar da casa que vaia. Se vai frío poño a estufa e se vai moito frío acéndoa.

  Co dos cento dez costoume máis traballo. Alí ía eu co meu pé teso e ríxido e cos ollos, que se mira o velocímetro, que se a estrada, que se o velocímetro, que se... Total, que collín unha tendinite no pé dereito e outra tendinite nos ollos.

  Isto non podía ser e como a cabeza non para, decidín poñerlle un tope á agulla do velocímetro, para que non pasara de cento dez. E a agulla non pasaba de cento dez, pero o coche si. Díxomo a Garda Civil de Tráfico cunha multa.

  Pero como a cabeza non para, ocorréuseme comprar un Citroën dous cabalos de quinta man. Pinteino con pintura de aceiro inoxidable para reforzar a carrocería e para reforzar a miña seguridade.

  Se andando a cento vinte gastamos X, a sesenta, que é o que da o 2CV, gastarei V. Perdoade os números romanos, pero eu son de letras.

  Así, co que eu aforro e o que vai a aforrar o PP en campañas electorais, malo será que non saiamos da crise. Malo será! Don´t worry!

Eleccións municipais



  Chegou o momento que gañe Carballo un futuro centrado en Carballo, non en min. Este é o resumo dos eslogans desta campaña-primavera.

  Si, xa é primavera, non só nese centro comercial da Coruña, cuxo nome non nomearei pero que ten apelido inglés. É tempo de recendos do asfalto matador de fochancas que vivían e medraban, ás súas anchas, nas pistas, rúas e estradas do noso concello. Si, de recendos que enchen as nosas fosas nasais. Tempo de carteis electorais cheos de colorido, que enchen os nosos ollos. Tempo de trinos e sintonías, dos coches animando a mitins e ao voto, que enchen os nosos oídos. Tempo de carteis que puxeron nos mástiles das farolas a modo de velas dun veleiro que nos levará a bo porto, ao porto da tranquilidade electoral, o día 22 de maio e que durará ata o 23 de maio, comenzo da precampaña electoral das vindeiras eleccións. Tempo de prantas, bolígrafos e chisqueiros de mecha, moi aptos para terrazas en días de vendaval.

  Todos os partidos gañarán, iso sabémolo; o que non sabemos e quen será o alcalde. Aínda que si sabemos quen será a alcaldesa. Está claro, non? A muller do alcalde!

Os luns ao sol

  Despois duns días de fumar, xogar e beber á conta nosa, decatámonos de que non se decidía a mercar tabaco nin a invitar a unha ronda. Díxenlle: "Non pensas invitar a beber nin a fumar?" "Non, ho! Eu fago coma meu avó, meu avó tamén facía así". E así dende ese día non fumou, nin bebeu, nin xogou máis. Estábache alí a mirar como nós xogabamos, bebiamos e fumabamos. Alí no bar. No bar onde pasabamos o tempo naquela crise dos anos 80. Loxicamente el era o branco das nosas falcatruadas, pois tiñamos alegría, ilusión...; sempre podiamos embarcar ou ir para o estranxeiro.
  Non vou contar todas as falcatruadas que lle fixemos. Só vou contar unha, e esta cóntoa porque enlaza un pouco coa historia. Organizamos un alistamento nun barco mercante; loxicamente Ramiro da Pontevella non sabía nada. Un ía de camareiro, outro ía de mecánico, outro ía de cociñeiro... E el preguntou: "Eu podo ir?" "Podes ho, pero só queda o posto de capitán. Váleche?" E aceptou. Era domingo, e quedamos citados ás catro da tarde do día seguinte, no noso bar, para coller un taxi que nos levase ao porto da Coruña. Estabamos xogando ao billar cando chegou coa súa maleta ás catro en punto. Ao ver que nós non tiñamos disposición para embarcar, preguntou: "Volvín a picar?" Asentimos e pedímoslle perdón, e seguimos a xogar ao billar. Eu tiña unha xogada un tanto difícil. Non sabía como tirar e el díxome: "Pica a branca e fala saltar por enriba da bóla 14 e dáslle ao 2 e métela alí no fondo á dereita". A min parecíame moi difícil, así que lle dixen: "Tira ti". Tirou a bóla, saltou por enriba da bóla 14 e deulle ao 2 e entrou no buraco. Foi cara o mostrador, pediu unha cervexa e un paquete de tabaco e convidounos a tabaco e pagou a ronda. Así que acabou colleu a maleta, puxo as lentes de sol e dixo marchando: "Tamén sei ser coma o outro meu avó".
  Posiblemente Ramiro da Pontevella embarcou nun cruceiro de luxo como monitor de billar e o resto marchamos para o estranxeiro.


  A esta historia eu chámolle Luns ao sol, que se fose na crise actual chamaríalle Luns á sombra, máis ben á penumbra, a penumbra que nos producen os recortes e as austeridades. É que é tal a tristura, a desesperación, a desgana que rodea o meu ser, que nin sequera a min se me ocorreu nada para meterme con Rajoy, e non foi para respetarlle os 100 primeiros días. É que son incapaz de meterme con ninguén. Zapatero quitaba coellos da chistera, Rajoy non é capaz de quitar nin unha pulga dun coello. Zapatero vía gromos verdes, Rajoy non os ve nin negros. Rajoy prometeunos crear emprego como solución a todos os problemas e non creou nin sequera un. Digo así porque se o creara xa tería saído de portada nos xornais e nos telediarios. El mesmo anunciou a folga xeral e estanos a dicir que chegaremos aos seis millóns de parados.
  Estamos nun presente indicativo dun pasado case perfecto, nun presente indicativo que non nos deixa ver nin sequera un futuro imperfecto.

De pediatra a xerontólogo

 


 Eu nacín preto da casa da tía Chucha e do tío Manuel de Prado, alá na Casilla de Carballo. Eu frecuentaba moito aquela casa, pois os tíos eran moi protectores coa familia da miña avoa, viúva de guerra con sete fillos. Naquela casa coñecín a Pedro Tasende, mozo da curmá de meu pai, Marisa. Pedro estaba estudando medicina en Santiago e xa daquela era o meu pediatra de cabeceira. Funlle á voda, celebrada nunha igrexa da Coruña. Creo que oficiou a cerimonia un irmán crego de Pedro. A comida foi nun restaurante preto do estadio de Riazor. Debeu ser no 1970, pois na festa soaba a canción de Mungo Jerry In the summertime de moda naquel ano. De alí a pouco naceu Patricia. Miña avoa foi  coidala, pois a tía Chucha tiña un negocio na praza, e eu íache moitas veces á casa dos Prado axudarlle a miña avoa coa nena, ver a televisión, pois nós non tiñamos, e  comer aquelas tortillas tan ricas que facía a tía Chucha. Veu a miña adolescencia e xa as miñas visitas foron a menos. Pedro Tasende seguiu a ser o meu pediatra ata que fun para a mili. Non é que fose moito á consulta de Pedro, pero as veces que fun solucionoume os problemas. Fun pai e, como non?, levamos o noso fillo ao pediatra Tasende ata que se independizou. Non hai moito vin a Marisa andando e detrás ía Pedro. Saudeino, saudoume e decateime de que algo pasaba, que non era el.. Estou seguro de que se non tivera ese mal que o levou eu seguiría a consultalo por problemas que temos os vellos. De aí o título desta homenaxe de PEDIATRA A XERONTÓLOGO.



José da Casanova

  Na Lagoa de Vimianzo, nunha cea-baile, despois de cear. Así que tomamos a sobremesa, veu o camareiro pola nosa mesa e dixo:

   - Que tal a sobremesa?

   E José da Casanova díxolle:

   - Sabes a que me soubo?

   - A que?

   - A pouco.

   O camareiro con vergoña ou sen ela, e co consentimento do resto dos comensais, tróuxolle outra sobremesa a José. Despois do café e duns chupitos empezou a actuar un TRÍO e José díxome ao oído: "Ser será un trío pero eu só vexo unha"!

   Chamámoslle José da Casanova porque el e os seus irmáns viñeron de Curtis habitar a casa máis nova da Casilla (en Carballo), alí preto da nosa corredoira. Na corredoira eramos catro rapaces máis ou menos da mesma idade e moitas veces xogabamos aos catro de Bonanza. Cando viñeron os tres de Curtis xa podiamos xogar aos sete magníficos.

   Naqueles tempos poucas casas tiñan auga da traída. A casa nova tiña a auga traída por José e os seus irmáns a caldeiros do pozo de Esperanza. Esperanza era moi mala. Preguntarédesvos como sendo tan mala lle deixaba coller a auga do seu pozo. Pois porque daquela era como unha obriga compartir a auga.

   O Sr. Constantino, que era o home de Esperanza, deulle a José un peso e unhas mazás por axudarlle a recollelas da maceira. Cando ía para a casa José atopouse coa mala e ensinoulle, todo inocente e ledo, o que o bo de Constantino lle dera. Esperanza quitoulle o peso e as mazás e deulle unha pequerrechiña.

   Esta anécdota contouma José cando iamos xuntos ao Instituto. Contábame anécdotas e moitos contos. Aprendín moito con el. El aos 14 anos empezou a traballar de electricista con Pepe dos Contos e aí quitou os títulos de electricista e de contacontos. 

  As nosas vidas transcorreron normais coma moitas: matrimonio, fillos e neta (eu aínda non teño). José perdeu a vista e tivo que deixar de traballar. El sabía levar calquera conversa. Tiña moitos amigos. Entendía de todo. El dicía: "Entendo de todo e non sei de nada".

   Deixounos despois dunha longa enfermidade, pero chegou moi enteiro á súa fin. Sempre dando ánimos e animándose. Funlle dar o pésame á súa dona e díxenlle:

   - Se todos fósemos a metade de boa persoa que era el non habería problemas neste mundo. 

   - Si, era moi bo, non quería saber nada de psicólogos. Díxome un que o foi  visitar: "Vaia lección de vida me acaba de dar".

   DESCANSA EN PAZ JOSÉ DA CASANOVA.

   Loxicamente José non había querer que eu acabase este obituario sen un conto. Aí vai!! 

   Chegou José da Casanova ao ceo e díxolle DEUS: 

   - Que tal por aló abaixo José?

   - Sabes a que me soubo?

   - A que? 

   - A pouco!!

   Loxicamente DEUS ben o podía mandar de volta para a terra, pero xa sabía de memoria os contos de Pepe dos Contos e quería un repertorio novo.

O lapis do ebanista

  Eu son fillo de carpinteiro como Xesús. Son o lapis do carpinteiro. Fun á escola e cando rematei a adolescencia e o bacharelato estudei na universidade a carreira de informática. Como Xesús, adiqueime á palabra. Escribo historias, conto contos, invento contos e escribo poesías. Cando rematei a carreira atopei traballo nun ordenador. E como non!, fixen o meu perfil e metinme nas redes sociais co nome de o Lapis do Carpinteiro. No facebook meto as ocorrenzas. E como Xesús, busquei a miña María Madalena. Atopeina no facebook. Había moitas, pero eu elixín a que tiña a foto universal do facebook. Empezamos a interactuar. Gustábanlle as miñas historias e recibía moitos me gustas de María Madalena. Terminámonos namorando. Declareille o meu amor e ela correspondeume. Pasou o tempo e non atabamos nin desatabamos nin un nin a outra. Loxicamente eu non lle podía pedir unha cita, pero é que ela tampocuo movía peza. Eu estaba preocupado, así que un día confeseille a verdade: que eu era un lapis de carpinteiro que realmente non era só o meu alcume. Contestoume con estas palabras: "Non te preocupes; a min pásame máis ou menos o mesmo, eu son unha rumba, un robot de limpeza da última xeración. Fun capaz de conectarme ao ordenador do meu patrón a través dun USB e creei o meu perfil e namoreime de ti".
  Pensaredes que todo isto é mentira e... efectivamente, pero a realidade é que o futuro está aquí. Ah!  Esquecíame, loxicamente morrerei solteiro como Xesús.

Era visto...Evaristo

  Eu non son de meterme moito en política nin cos políticos. Pero cando se me ocorre algo fago unha viñeta ou unha frase e mándoa ao Facebook.
  Unhas veces métome con Feijoo, outras con Zapatero, con Rajoy, con Sánchez... e, como non, co noso alcalde Evencio.
   Lémbrome dunha viñeta. Foi Feijoo visitar un instituto e di a profesora de física:
  - Manuel! Fálame da gravidade de Newton.
  - Señorita, como lle vou  falar se nen sequera sabía que estivese enfermo.
  - Dáse de conta, Sr. Feijoo, o que son os recortes?
  - Non sabía que os recortes en sanidade tiveran que ver coa saúde deste señor.
  Cando vin o sinal de 20 diante da igrexa fixen esta. Eu chamando a Radio Voz falando co alcalde:
  - Sr. alcalde: o outro día ía eu a 20 e adiantoume unha tartaruga. Multarana?
  - Dáme a matrícula.
  O día despois das eleccións mandeille unha mensaxe ao Sr. alcalde:
  - Sr. alcalde: é imposible acadar tantos votos facendo campaña a 30 por hora. Vostede tivo que andar a 200.
  Eu vin avisando que ía  pasar o que debía pasar. Era visto... Evaristo. Onte ás vinte horas un peón atropelou un coche. O coche, un Opel Astra con matrícula 4654 BCD, está ingresado na unidade de coidados intensivos de Talleres Ledo.
  Que conste que lle teño moito aprecio a Evencio e el a min... tamén mo tiña.

Evaristo do Ferreiro

  Practicamente todo Sofán e moitos do concello de Carballo coñecemos a Evaristo do Ferreiro. Sabemos que facía gaitas e era gaiteiro. Sabemos que canta nunha coral. Sabemos que era taxista. Sabemos que ten un museo de radios antigas. Pero poucos saben que, ademais de ser do ferreiro (seu tío, seu avó e seu bisavó eran ferreiros), el tamén foi ferreiro. 
  Non era un mestre templario pero era un mestre do temple, pois amornaba o aceiro como ninguén. Facía ghavillos e apuntaba as picarañas dos peóns camiñeiros.
  De todo isto lembreime unha noite de verán que nos agasallou o mes de febreiro. Unha noite de super-lúa.. Vin a Evaristo do Ferreiro dándome as costas e contemplando o ceo. Quíxenlle pór medo. Toqueille o ombreiro e nin se inmutou:
  - Pensei que che ía  pór medo, Evaristo!
  - Aos meus 85 anos non lle teño medo a nada. Xa ves! Podías ser a da gadaña e nin me decataba.
  - Pois eu téñolle medo a todo. Ata llo teño aos ratos e aos malos ratos.
  - Contemplas a super-lúa?
  - Si. Parece mentira que estivésemos alí a 364.000 quilómetros. O que é a tecnoloxía!!
  - Vós os ferreiros sodes a hostia!!
  - E non volvemos desde mediados dos setenta do século pasado. Nin os americanos, nin os rusos, nin os chineses, nin os galegos. Será moi caro ir alí?
  - Non ho!! Non debe haber petróleo.

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.