José da Casanova

Na lagoa de Vimianzo, nunha cea-baile, despois de cear. Así que tomamos a sobremesa, veu o camareiro pola nosa mesa e dixo:

 -Que tal a sobremesa? E José da Casanova díxolle: -Sabes a que me soubo? -A que? -A pouco. O camareiro con vergoña ou sen ela, e co consentimento do resto dos comensais, trouxolle outra sobremesa a José. Despois do café e duns chupitos empezou a actuar un TRÍO e díxome ao oído:" ser será un trío pero eu só vexo unha"!! Chamámoslle José da Casanova por que el e os seus irmáns viñeron de Curtis a habitar a casa mais nova da Casilla, alí preto da nosa corredoira. Na corredoira eramos 4 rapaces mais menos da mesma idade e moitas veces xogábamos aos 4 de Bonanza. Cando viñeron os 3 de Curtis xa podíamos xogar aos 7 Mágnificos. Naqueles tempos poucas casas tiñan auga da traída. A casa nova tiña a auga traída por José e os seus irmáns a caldeiros do pozo da Esperanza. Esperanza era moi mala. Preguntarédesvos como sendo tan mala lle deixaba coller a auga do seu pozo? Pois por que daquela era como unha obriga compartir a auga. O Sr. Constantino, que era o home de Esperanza, doulle a José un peso e unhas mazáns por axudarlle a recollelas da maceira.Cando ía para a casa José atopouse coa mala,e ensinoulle, todo inocente e ledo, o que o bo de Constantino lle dera. Esperanza quitoulle o peso e as mazáns e doulle unha pequerrechina. Esta anécdota contouma José cando íamos xuntos ao Instituto. Contábame anécdotas e moitos contos. Aprendín moito con el. El aos 14 anos empezou a traballar de electricista con Pepe dos Contos e aí quitou os títulos de electricista e de contacontos. As nosas vidas transcorreron normais coma moitas; matrimonio, fillos e neta( eu aínda non teño). José perdíu a vista e tivo que deixar de traballar. El sabía levar calquer conversa.Tiña moitos amigos. Entendía de todo: el dicía"entendo de todo e non sei de nada" Deixounos despois dunha longa enfermidade, pero chegou moi enteiro ao seu fin. Sempre dando ánimos e animándose.Funlle dar o pésame a súa dona e díxenlle: -Se todos fósemos a mitade de boa persoa que era el non habería problemas neste mundo. -Si era moi bo, non quería saber nada de psicólogos.Díxome un que o foi a visitar " Vaia lección de vida me acaba de dar" DESCANSA EN PAZ JOSÉ DA CASANOVA. Loxicamente José non había querer que eu acabase este obituario sin un conto. Aí vai!! Chegou José da Casanova ao ceo e díxolle DEUS: -Que tal por aló abaixo José? -Sabes a que me soubo? -A que? -A pouco!! Loxicamente DEUS ben o podía mandar de volta para a terra, pero xa sabía de memoria os contos de Pepe dos Contos e quería un repertorio novo.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.