Mostrando entradas con la etiqueta futuro imperfecto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta futuro imperfecto. Mostrar todas las entradas

Futuro imperfecto

  Preguntoulle miña nai ao cura se me vira na igrexa ou no catecismo, e ante a resposta do crego, miña nai, cando me atopou, pegoume semellante tunda que aínda me lembro. Ao outro día, foi  traballar e atoume á pata da artesa, para que non escapara. Púxenme a chorar e a berrar sete chorares e sete berrares. Acudiu a min unha veciña e desatoume. E eu, veña a correr, a saltar valados, a xogar. Cando miña nai atopou a artesa soa, pois outra tunda. Xa lle dixen, non fai moito, a miña nai: "Son fillo único, pero as tundas que me deches chegaban para seis". A min gustábame estar libre, ao meu aire. A mamá non era da mesma opinión. Moita man dura, pero queríame moito. Eu a ela tamén. Eran aqueles tempos!!
  Levaba uns días algo mal, e miña nai estaba moi preocupada. Decidiu levarme ao médico, de pago loxicamente, pois naqueles tempos non había seguridade social. Lavoume ben lavado no zinc de lavar a roupa. Cando estabamos na sala de espera do doutor, fixouse nas miñas orellas. Tiñan roña! Colleu o madil (se alguén non o sabe, o mandil era multiusos; servía para enxugar pratos, para enxugar as mans, para soarlle os mocos aos nenos...) e cuspiu nel e veña a fregarme as orellas ata que quedaron limpas e vermellas. O médico dixo: "Este neno precisa dunha boa alimentación. Tenlle que dar plátanos..." E efectivamente, miña nai foi á taberna e mercou dous plátanos. Gardábaos no chineiro e dábame a metade cada semana. Que bos estiveron aqueles dous plátanos!! A monda quedaba como o papel de fumar. De alí a pouco veu a mortadela e a televisión, e xa tiven que emigrar para Francia e  alí aprendín un oficio e voltei para a terriña. Agora estou a punto de xubilarme. Teño unha paguiña de Francia de 100 euros, e fixádevos: antes a declaración da renda saíame a devolver 1000 e agora teño que pagar (así che son os nosos gobernantes!), e ademais teño tres fillos preto dos corenta, na casa familiar. Non teñen traballo, non teñen futuro. O pouco futuro que hai pápano os políticos. E para ir ao extranxeiro, hai que ser enxeñeiro. E nós, os pais, que lle demos aos nosos fillos plátanos, iogures, bocadillos de xamón, enchentas de cariño, de amor e de todo canto hai, non podemos facer nada. 

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.