De pediatra a xerontólogo

 


 Eu nacín preto da casa da tía Chucha e do tío Manuel de Prado, alá na Casilla de Carballo. Eu frecuentaba moito aquela casa, pois os tíos eran moi protectores coa familia da miña avoa, viúva de guerra con sete fillos. Naquela casa coñecín a Pedro Tasende, mozo da curmá de meu pai, Marisa. Pedro estaba estudando medicina en Santiago e xa daquela era o meu pediatra de cabeceira.Funlle á voda, celebrada nunha igrexa da Coruña, creo que oficiou a cerimonia un irmán crego de Pedro.A comida foi nun restaurante preto do estadio de Riazor. Debeu ser no 1970, pois na festa soaba a canción de Mungo Jerry In the summertime de moda naquel ano. De alí a pouco naceu Patricia. Miña avoa foi  coidala, pois a tía Chucha tiña un negocio na praza, e eu íache moitas veces á casa dos Prado axudarlle a miña avoa coa nena, ver a televisión, pois nós non tiñamos, e  comer aquelas tortillas tan ricas que facía a tía Chucha. Veu a miña adolescencia e xa as miñas visitas foron a menos. Pedro Tasende seguiu a ser o meu pediatra ata que fun para a mili. Non é que fose moito á consulta de Pedro, pero as veces que fun solucionoume os problemas. Fun pai e como non? levamos o noso fillo ao pediatra Tasende ata que se independizou. Non hai moito vin a Marisa andando e detrás ía Pedro. Saudeino, saudoume e decateime de que algo pasaba, que non era el...Estou seguro de que se non tivera ese mal que o levou eu seguiría a consultalo por problemas que temos os vellos. De aí o título desta homenaxe de PEDIATRA A XERONTÓLOGO.



José da Casanova

Na Lagoa de Vimianzo, nunha cea-baile, despois de cear. Así que tomamos a sobremesa, veu o camareiro pola nosa mesa e dixo:

 -Que tal a sobremesa?

 E José da Casanova díxolle:

 -Sabes a que me soubo?

 -A que?

 -A pouco.

 O camareiro con vergoña ou sen ela, e co consentimento do resto dos comensais, tróuxolle outra sobremesa a José. Despois do café e duns chupitos empezou a actuar un TRÍO e José díxome ao oído:" ser será un trío pero eu só vexo unha"!!

 Chamámoslle José da Casanova porque el e os seus irmáns viñeron de Curtis a habitar a casa máis nova da Casilla(en Carballo), alí preto da nosa corredoira. Na corredoira eramos 4 rapaces máis menos da mesma idade e moitas veces xogabamos aos 4 de Bonanza. Cando viñeron os 3 de Curtis xa podiamos xogar aos 7 Mágnificos.

 Naqueles tempos poucas casas tiñan auga da traída. A casa nova tiña a auga traída por José e os seus irmáns a caldeiros do pozo de Esperanza. Esperanza era moi mala. Preguntarédesvos como sendo tan mala lle deixaba coller a auga do seu pozo? Pois porque daquela era como unha obriga compartir a auga.

 O Sr. Constantino, que era o home de Esperanza, deulle a José un peso e unhas mazás por axudarlle a recollelas da maceira.Cando ía para a casa José atopouse coa mala, e ensinoulle, todo inocente e ledo, o que o bo de Constantino lle dera. Esperanza quitoulle o peso e as mazás e doulle unha pequerrechiña.

 Esta anécdota contouma José cando iamos xuntos ao Instituto. Contábame anécdotas e moitos contos. Aprendín moito con el. El aos 14 anos empezou a traballar de electricista con Pepe dos Contos e aí quitou os títulos de electricista e de contacontos. 

As nosas vidas transcorreron normais coma moitas; matrimonio, fillos e neta( eu aínda non teño). José perdeu a vista e tivo que deixar de traballar. El sabía levar calquera conversa.Tiña moitos amigos. Entendía de todo: el dicía:"Entendo de todo e non sei de nada"

 Deixounos despois dunha longa enfermidade, pero chegou moi enteiro á súa fin. Sempre dando ánimos e animándose.Funlle dar o pésame a súa dona e díxenlle:

 -Se todos fósemos a metade de boa persoa que era el non habería problemas neste mundo. 

 -Si era moi bo, non quería saber nada de psicólogos.Díxome un que o foi  visitar: " Vaia lección de vida me acaba de dar"

 DESCANSA EN PAZ JOSÉ DA CASANOVA.

 Loxicamente José non había querer que eu acabase este obituario sen un conto. Aí vai!! 

 Chegou José da Casanova ao ceo e díxolle DEUS: 

 -Que tal por aló abaixo José?

  -Sabes a que me soubo?

 -A que? 

-A pouco!!

 Loxicamente DEUS ben o podía mandar de volta para a terra, pero xa sabía de memoria os contos de Pepe dos Contos e quería un repertorio novo.

O lapis do ebanista

Eu son fillo de carpinteiro como Xesús. Son o lapis do carpinteiro. Fun á escola e cando rematei a adolescencia e o bacharelato estudei na universidade a carreira de informática. Como Xesús, adiqueime á palabra. Escribo historias, conto contos , invento contos e escribo poesías. Cando rematei a carreira atopei traballo nun ordenador. E como non! fixen o meu perfil e metinme nas redes sociais co nome de o Lápis do Carpinteiro. No facebook meto as ocorrenzas. E como Xesús busquei a miña María Magdalena. Atopeina no facebook. Había moitas, pero eu elixín a que tiña a foto universal do facebook. Empezamos a interactuar. Gustábanlle as miñas historias e recibía moitos me gustas de María Magdalena. Terminámonos namorando. Declareille o meu amor e ela correspondeume. Pasou o tempo e non atabamos nin desatabamos nin un nin a outra. Loxicamente eu non lle podía pedir unha cita, pero é que ela tampocuo movía peza. Eu estaba preocupado, así que un día confeseille a verdade: " que eu era un lápis de carpinteiro que realmente non era só o meu alcume". Contestoume con estas palabras: " non te preocupes a min pásame máis ou menos o mesmo, eu son unha rumba, un robot de limpeza da última xeración.Fun capaz de conectarme ao ordenador do meu patrón a través dun USB e creei o meu perfil e namoreime de ti".
 Pensaredes que todo isto é mentira e... efectivamente, pero a realidade é que o futuro está aquí. Ah!  esquecíame, loxicamente morrerei solteiro como Xesús.

Era visto...Evaristo

Eu non son de meterme moito en política nin cos políticos. Pero cando se me ocorre algo fago unha viñeta ou unha frase e mándoa ao Facebook.
Unhas veces métome con Feijóo, outras con Zapatero, con Rajoy, con Sánchez... e como non co noso alcalde Evencio.
 Lémbrome dunha viñeta: Foi Feijóo visitar un instituto e di a profesora de física:
- Manuel! fálame da gravidade de Newton.
- Señorita como lle vou  falar se nen sequera sabía que estivese enfermo.
- Dáse de conta Sr. Feijoo o que son os recortes?
- Non sabía que os recortes en sanidade tiveran que ver coa saúde deste señor.
Cando o sinal de 20 diante da igrexa fixen esta:
Eu chamando a Radio Voz falando co alcalde:
-Sr. alcalde o outro día ía eu a 20 e adiantoume unha tartaruga. Multarana?
- Dáme a matrícula.
O día despois das eleccións mandeille unha mensaxe ao Sr. alcalde:
- Sr. alcalde é imposible acadar tantos votos facendo campaña a 30 por hora. Vostede tivo que andar a 200.
Eu vin avisando que ía  pasar o que debía pasar. Era visto... Evaristo. Onte ás vinte horas un peón atropelou un coche. O coche, un Opel Astra con matrícula 4654 BCD, está ingresado na unidade de coidados intensivos de Talleres Ledo.
Que conste que lle teño moito aprecio a Evencio e el a min tamén...mo tiña.

Evaristo do Ferreiro

Practicamente todo Sofán e moitos do concello de Carballo coñecemos a Evaristo do Ferreiro. Sabemos que facía gaitas e era gaiteiro. Sabemos que canta nunha coral. Sabemos que era taxista. Sabemos que ten un museo de radios antigas. Pero poucos saben que, ademais de ser do ferreiro( seu tío, seu avó, seu bisavó) el tamén foi ferreiro. 
Non era un mestre templario pero era un mestre do temple, pois amornaba o aceiro coma ninguén. Facía ghavillos e apuntaba as picarañas dos peóns camineros.
De todo isto lembreime unha noite de verán que nos agasallou o mes de febreiro. Unha noite de super-lúa.. Vin a Evaristo do Ferreiro, dándome as costas e contemplando o ceo. Quíxenlle pór medo. Toqueille o ombreiro e nin se inmutou:
-Pensei que che ía  pór medo Evaristo!!
-Aos meus 85 anos non lle teño medo a nada. Xa ves!! podías ser a da guadaña e nin me decataba.
-Pois eu téñolle medo a todo. Ata llo teño aos ratos e aos malos ratos.
Contemplas a super-lúa?
-Si. Parece mentira que estivésemos alí a 364.000 quilómetros. O que é a tecnoloxía!!
- Vós os ferreiros sodes a hostia!!
-E non volvemos desde mediados dos setenta do século pasado. Nin os americanos, nin os rusos, nin os chineses, nin os galegos. Será moi caro ir alí?
- Non ho!! Non debe haber petróleo.

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo