Fai un tempo que temos un grupo para facer rutas: Xosé Antonio Viña, Chucho da Jauvea, meu cuñado Miguel e mais eu. Xa fixemos o camiño de Santiago dende Sofán en dúas etapas. Este día foi a quenda de subir ao Pindo. O día non se prestaba moito, facía moito vento, ameazaba choiva e néboa. Xa sabedes que hai varios roteiros para subir a Pena Moa, que está a 627 metros sobre o nivel do mar. Preguntámonos por cal ir. Eu dixen:
- Polo máis doado.
Viña repuxo:
- É que eu tiven unha bronquite...
- Coa muller? -bromeei eu.
Total que nos rimos e dado que Viña estaba baixo forma, pola bronquite, decidimos saír de Fieiro, a ruta máis doada. Eran 3.700 metros ata o cumio, a Pena Moa, chea de pías, cheas de auga. Ao primeiro, a subida era doada, pero foise facendo cada vez máis empinada. Mirei para atrás, e vin un can, un can palleirán, que nos seguía. Viu que nos perdiamos e adiantounos e ensinounos o verdadeiro camiño. Aló arriba, na Pena Moa, facía moito vento e Chucho da Jauvea tivo que coller ao can no brazo, pois o aire levábao. Tomamos un refrixerio e eu, cunha lupa, busquei vestixios do tesouro da raíña Lupa, nin sequera vin ao xigante vixiante, pero o que si vin foron unhas vistas impresionantes (cabo Fisterra, a praia de Carnota, as illas Lobeira, o inmenso océano...). Baixamos apreciando os Penedos. Chegamos ao coche e Viña díxolle ao can:
- Moitas grazas por facernos de guía. Agora tes que ir para a túa casa.
O can deu a volta e marchou.
Estivemos deliberando a onde ir comer. Tiñamos dúas opcións: a primeira e mais a segunda. A primeira era ir á casa da Crega, en Caldebarcos. A segunda era ir a Olveiroa, á casa das Pías. Non nos dabamos decidido, e dixo meu cuñado Miguel:
- Se o can vai para a esquerda, imos a da Crega. Se vai para a dereita imos a Olveiroa.
O can colleu á dereita. Perdémolo de vista, pois foi por atallos. Cando chegamos a Olveiroa, o can estaba alí. Viña díxolle:
- Non tiñas que ir para a túa casa?
Niso que saíu o dono do restaurante:
- Esta é a súa casa. Vós vides do Pindo. Non sei como se arranxa, pero sempre me trae algún cliente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario