Mostrando entradas con la etiqueta confiado por natureza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta confiado por natureza. Mostrar todas las entradas

Confiado por natureza

  Son unha persoa confiada por natureza. Confío na profesionalidade dos profesionais. Teño un fontaneiro de cabeceira, panadeiro de cabeceira; médico non, pois estanmo a cambiar cada 6 (2x3). En xeral confío nas persoas. Lémbrome de rapaz cando iamos para o instituto Antón do Cura e mais eu. Antón tiña unha irmá que me gustaba moito. Só o sabiamos eu e o meu mellor amigo, o fillo da miña nai, ou sexa eu só. Pois iso, iamos andando e ó lonxe vin un billete de 20 pesos (lembrádesvos?, os marróns). E dixen: "Hostia, un billete de 100 ptas." Antón correu como unha bala, e díxome: "Víchelos ti, pero collinos eu e agora son meus". Automaticamente a súa irmá deixou de gustarme. El non, pois xa non me gustaba.
  Seguín a ser confiado. Antón precisaba demostrar que non era de fiar, e eu deille a oportunidade.


  Anos despois, nunha verbena, eu estaba a bailar cunha moza. Eran aqueles tempos en que se levaba pedir o baile, o home á muller, unhas veces dicíanche que si e outras que non. Eu bailaba pouco. O dito, estaba a bailar e nunha mirada ao chan, vin un billete de 1000 ptas. Non quería deixar a moza no medio da peza, e ao mesmo tempo tiña medo de que viñera Antón do Cura por alí. Por alí pasou Chucho da Jauvea, un coñecido meu. Fíxenlle un sinal, sinalando o billete, colleu o sinal á primeira e colleu o billete tamén á primeira. Meteuno no peto, esperoume e díxome: "Toma é teu", e eu díxenlle: "Non, é dos dous".
  Seguín a ser confiado. Chucho da Jauvea precisaba demostrar que era de fiar e eu deille a oportunidade.
  Somos grandes amigos e ademais eu, co tempo, casei coa súa irmá.

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.