Fai uns días, fun a un taller de escrita, a unha casa de turismo rural, a carón do canón do río Tambre. O taller organizárono Fran Zabaleta e Pere Tobaruela, socios da editorial Redelibros.
A Casa Grande do Bachao está despois de Portomouro, camiño de Santiago. Gústanme moito Os Tamara, e como ía dirección Santiago e Tamara vén de Tambre, pois puxen un CD dese grupo tan emblemático e sobranceiro da nosa lingua. Estaba escoitando A Santiago vou, cando vin o sinal da Casa Grande do Bachao, nese intre acabou a canción. Xirei á esquerda e entrei nunha paisaxe fermosa e preciosa, con ríos, fontes, regatos pequenos... Sentíase o ruxir do río Tambre aló abaixo. Todo vales, todo montañas, outeiros, canedos...E Canedo viu un carballo, dirección Carballo, e púxenme a cantar:"Terra onde eu nacín, deixei amigos que coñezo por amigos que nunca vin". Si! estaba soando Adeus ríos, adeus fontes no mesmo CD. Xa estaba eu póndome Rosaliano! contaxiado de antemán polos escritores e poetas que ía coñecer.
Presenteime. Presentáronme. Os organizadores e moderadores aprendéronnos, nós aprendemos, fixemos exercicios, escribimos textos, e dei por feito que todos eran poetas e escritores, e eu só puiden roubar algún que outro sorriso e risas no medio dos seus comentarios e das súas reflexións lóxicas e intelectuais, pois eu só son un escribidor de historias. Eles posuían milleiros de palabras fermosas e ocorrentes para cada momento e, eu alí, só, coas 25 letras do alfabeto galego!.
Saímos á eira, e que vistas!, que escenario incomparable!. Só tiña unha pega, é unha pena, só tiña unha peca que non era un lunar, era unha verruuuuuuga: a cantidade de eucaliptos que nos rodeaban.
O último día tivemos exame final. Cada un escribiu unha historia. Historias do pasado, do presente, do futuro, de amor, de desamor, de ogros, de bruxas e coruxas. De todo había naquelas belas historias.
Pasámolo moi ben, quedamos todos ledos e contentos, e o máis importante aprendemos moito. Despedímonos con algunha que outra bágoa nos ollos. E collín a estrada. Puxen a música e aínda soaba a canción do día anterior Adeus ríos, adeus fontes e estaba dicindo Deixo en fin canto ben quero, quen puidera non deixar!
No hay comentarios:
Publicar un comentario