Mostrando entradas con la etiqueta Monte Louro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Monte Louro. Mostrar todas las entradas

Monte Louro









  Mes de Agosto. Once da mañá na praia de San Francisco de Louro. O ceo sen unha nube, temperatura moi agradable. Colocamos no sitio idóneo a sombrilla, as cadeiras e as toallas, de modo que ás oito da tarde non esteamos á sombra, pois o piñeiral da praia ensombrece amplas zonas. Estamos a tomar o sol e nisto que chega unha parella con dous pequerrechos. Así que se colocan, o home dille á muller: "Son as once e media; ata ás oito imos estar aquí, teñamos un día tranquilo. Por favor non se che ocorra limpar o po da praia!" Xiro a cabeza e vexo unha parella correndo para meterse na auga; así que os pés a tocan dan a volta despavoridos (tal é a friaxe da auga). Hai xente que di que hai que ter dous güevos para meterse e eu dígolles que primeiro hai que ter dous pés e dúas pernas".
  Dúas da tarde, trinta e tres graos e é hora de comer. Imos para o piñeiral e que gusto!, á sombra das árbores tes que pór unha chaqueta. Acabado o bocadillo imos  tomar un café a unha antiga fábrica de salgadura, que está acondicionada como bar restaurante; chámanlle O Caldeirón. Decorada estilo mariñeiro cun patio interior, que semella un claustro dun convento. Voltamos á praia, déitome na cadeira e vexo que me quedo durmido. Levántome e dígolle á muller: "Vou andar, pois non quero que a xente non escoite o ruído do mar (ronco moito).
  Collo camiño do faro de Louro. O primeiro que atopo nesa península é o único lugar, o único lunar, que non é un lunar, máis ben é unha verruga. Un taller-concesionario de coches. O resto é todo beleza, fermosura, tranquilidade e sosego. Só se oe o silencio. O silencio dos paxaros.O silencio das ondiñas do mar. O silencio dos esquíos subindo polos piñeiros. Miro para un lado, mar! Miro para o outro, monte!, penedos, matogueiras, algún que outro bosque de árbores autóctonas... (pensar que fai uns anos isto quedou todo carbonizado, pero a natureza é moi sabia). Chego a unha zona onde vexo co meu maxín penedos con formas curiosas: unha bigornia, unha lingua que busca o nariz, un golfiño con medio corpo fóra da terra intentando saltar ó mar, a cara de perfil de don "Quijote de la Mancha". Estes penedos nas Canarias venderíanos ben vendidos. Lémbrome cando fun a Lanzarote; a guía íanos explicando todas as marabillas: "Este es el valle de las mil palmeras". Eu conteinas e só había 999. "Esta es la Virgen con el Niño en el brazo" e fas un esforzo sobrehumano e consegues ver algo parecido. No Timanfaya a guía dinos: "Esta lava llega al mar, es de la erupción del siglo XIX", e eu díxenlle: "Tivestes sorte de que non vos pasou por riba da estrada". Continúo a andar ata o faro, alí acábase a estrada asfaltada, pero o camiño segue. Un camiño-corredoira que te leva á praia da Area Maior (fai uns anos elixida a praia máis bonita de Galicia); alí estou un anaco a contemplar o mar aberto.
  Volto sobre os meus pasos e collo camiño á esquerda, delimitado por valados. Os valados son a Galicia o que as pirámides a Exipto. Símbolo do minifundismo. Hai tramos dese camiño que trascorren por pedra e nela vense rodeiras dos carros profundas dez centímetros. Chego a unhas casas de pedra, algunha restaurada, que son un deleite para os meus ollos. O camiño segue e acaba na estrada que leva de Muros a Cee. Dou a volta despavorido, pois non quero voltar á civilización. A un certo punto subo por un sendeiro pedregoso que me leva ao 3º pico do Monte Louro (o pico máis alto ten 241 metros). Alí arriba miro para un lado e vexo a Lagoa de Louro e a praia da Area Maior e miro para o outro e vexo a praia de San Francisco e case que toda a Ría de Muros e Noia. Baixo pola outra ladeira e chego á estrada que leva ó faro. Collo camiño de Louro e atopo outra antiga fábrica de salgadura, tamén acondicionada como mesón-bar-restaurante; chámase O Fogareiro. Aquí é onde describín e escribín este paseo.
  Hoxe é luns 31 de Agosto, último día das miñas vacacións. Consólame pensar que aínda faltan sete días para que volte a ser luns.

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.