A cachela do San Xoán




Fai anos, cando eu era un rapaz, as cachelas do solsticio de verán non se facían con leña e madeira. A leña empregábase para as lareiras e para as cociñas económicas ou de ferro. As cachelas facíanse coas rodas vellas, cos aceites queimados e coas fías usadas, que pedíamos nos talleres de automoción. E tamén lle metíamos materiais non reciclables, que non servían para facer esterco ou o compost de agora, tipo plásticos, botes de laca, cartóns... Coas botellas de lixivia, antes de metelas no lume xogábamos , póndolle o tapón e saltando enriba delas, a ver quen mandaba o tapón mais lonxe. Sempre gañaba o Ramón do Xordo, o gordo. A sra. Carmela da Xanela, que tiña unha filla peluquera, sempre nos traía uns sacos, que entre outras cousas, tiñan uns botes de laca. Que emoción! esperar cando estoupaban, non había bombas, nin fogos artificiales que lle gañasen. Iso si! eran perigosos. Un deles doulle mesmo na testa a Antón o Trapalleiro. E despois dicía e fachendeábase que o motivo de aquel croque fora o remate de cabeza a aquel corner, que tirou Manolo o Roxo, que dende aquela quedou coxo. Mariano do Cura cambiáralle o balón por un cantarolo de pedra. Que putadas se facían naqueles tempos!
Dende o botazo que levou Antón o Trapalleiro, xa procedemos con mais seguridade. Algúns fomos ao cine de Rega a roubar os escudos e os cascos dos lexionarios  das películas de romanos. E loxicamente, Carmela da Xanela seguíu a traer os botes de laca.
Pasaron os anos e eu funlle perdendo a gracia de saltar as cachelas. Saltaba ao outro día pola mañán, despois de lavar a cara na auga do San Xoán, e cando a cachela, só despedía un fíu de fume.
Iste ano cos dous litros que pesaba de mais e cantando co meu amigo Xavier, obrigáronme a saltar a cachela. Eu que non!Eles que si! Chamáronme galiña, cáxicas, non vales para nada...Así que non me quedou outra que saltar. Moi ben o primeiro salto, pero a cousa non acabou aí. Disque tiña que saltar tres veces. Saltei a segunda e escaqueeime cantando outra vez con Xavier. Pero tiven que saltar a terceira. Meu curmán Xoán animoume e díxome que me ía a quitar unha foto enriba da cachela. E eu baixo os efluvios do alcohol, lembreime cando voaba de pequeno. Loxicamente en soños. E cantas cousas pasan pola testa nuns intres!Tamén me lembrei dun soño dises que eu voaba. Ía andando por un camiño e nisto que unhas rapazas non me deixaban pasar. Non me quedou outra que por en acción os meus poderes voatorios e cando estaba enriba delas (voando!, non entendades mal) dixo unha :"Estás coma un tren!"(esqueceranselle as gafas na casa) e eu contesteille:"Dirás coma un avión!". Total que quedei levitando enriba da cachela para que a foto non saise movida. A lei da gravidade non perdoa, maldito Newton por inventala!. Vin que caía nas brasas e din un brinco cara atrás. Peguei unha cuada! As gafas saltáronme polo aire e un pé caíume enriba dunha brasa, que furou o zapato, a plantilla e medio centímetro do pé. As gafas atopounas alguén despois de sentir un crak debaixo do seu pé. E boa verdade que: Quen mal anda, quero dicir, quen mal salta ben coxea!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo