Fun á entrega da medalla de ouro, que lle concedeu o concello de Carballo ao Grupo Calvo, polo seu labor de mecenado e de compromiso co concello, sobre todo no ámbito deportivo. A cerimonia estivo moi ben levada pola condutora. O salón estaba ateigado de xente, incluso sentada nas escaleiras. O evento foi amenizado por Uxía e por Narf. Cantaron o xusto e moi ben. Decateime do nome de Narf, cando dixo que coas letras de Galiza pódese facer a verba cigala, e con Mozambique, zemambico, título dunha canción que cantaron. Nese intre decateime de que Narf é Fran do revés. Moi emotivos os discursos do alcalde e do presidente do Grupo Calvo. Os vítores e aplausos do final, dignos dun gran concerto.
Saín coa idea de ir para a casa, e atopeime con Gonzalo Anido. Saudámonos e díxome:
- Tes que facer unha historia deste evento.
- Non che teño moitos argumentos. Só que eu sempre pensei que o noso alcalde se apelidaba Ferrero Rocher e resulta que é Ferrero Rodríguez.
Estivemos falando do ben que estivo o acto e Gonzalo dixo:
- En pouco tempo a familia Calvo fixo un imperio.
- O imperio del sol naciente!
- Non ho! O imperio da rúa Poñente!
- Sabes que a miña avoa e mais o meu avó traballaban en Hijo de Calvo J. cando tiñan unha empresa de coloniais e cereais? Meu avó foi un dos primeiros traballadores de Conservas Calvo. Nos anos trinta Carballo era un concello con actividade e produción agraria. Tiña sobre 14.000 habitantes e era produtor de cereais, millo, fabas, madeiras e gando porcino. A Carballo veu parar moita xente da Maragatería, os Calvo entre eles. E pensando un pouco ti tamén es descendente dos González-Botas Herranz.
- Pois si!
- Contribuístes ao desenvolvemento e prosperidade do concello. Grazas aos maragatos, as colleitas foron moito mellores, pois non había tantos ratos. E grazas a vós, Carballo pasou de ser un concello agrícola a ser un concello industrial.
Pois xa vedes, paseniño a paseniño fixen unha historia. O máis difícil foi atoparlle un título orixinal. Tres cuartos de século!
No hay comentarios:
Publicar un comentario