29nov2024

Falo galego

  Adoito falar galego sempre e dende sempre, sempre e cando vexa que me entenden. E non me importa que me falen en castelán, pois entendo perfectamente. Non falo galego para que se me note que son galego. Aínda que falase en castelán, tamén se me notaría. Moitos coñecidos meus, que son castelán-falantes, confésanme que só falan galego comigo, incluso unha madrileña di "éche o que hai" mellor ca ninguén, e un cordobés fálame en galego con acento andaluz. Despois das eleccións díxenlle a cada un deles: "Xa non tes que falar en galego comigo, pois o decreto do galego vano abolir", e contestáronme máis ou menos todos igual: "Fáloche en galego por ti, non polo decreto". O outro día lin unha entrevista que lle fixeron ao Sr. Nuñez Feijoo e chamáronme a atención dúas preguntas e dúas respostas. Preguntáronlle se era do Deportivo ou do Celta, e contestou: "A un niño no se le pregunta a quién quiere más, a papá o a mamá". Aznar é do Real Madrid e Zapatero é do Barcelona. Se é dalgún deses equipos non pasa nada. MÓLLESE SR. FEIJOO, non vai perder votos, as eleccións xa as gañou. A outra pregunta era se adoitaba falar en galego ou en castelán. Contestou: "Si se dirijen a mí en gallego hablo en gallego, si se dirijen a mí en castellano hablo en castellano". Pero non dixo que é o que fala cando se dirixe el. MOLLESE SR. FEIJOO, non vai perder votos, as eleccións xa as gañou. No buscador Google, se escribimos FABRICADO EN GALICIA e lle damos ao botón para traducir ao galego, pon "MADE IN GALICIA" e se escribimos "FEITO EN GALICIA" e lle damos ao botón para traducir ao castelán, pon "FABRICADO EN BRASIL". O galego está en perigo, hai que fomentalo, hai que defendelo e hai que falalo. É a nosa máis grande seña de identidade. Presumamos de selo e de falalo. Cerremos o paraugas. Mollémonos, pois non van mexar sempre por nós.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.