28nov2024

Homenaxe a Miro

  Endexamais pensei que mandarlle unha felicitación de aniversario a unha amiga fose pecado, endexamais pensei que adicarlle unha canción pola radio a unha amiga fose pecado, endexamais pensei que mirar para dous diamantes fose pecado. Miro tampouco o pensou.
  Miro é un home apoucado, mal parecido, cuns cus de vaso como lentes, está máis preto dos trinta anos ca dos vinte, de feito ten trinta e pico. É un anaco de pan, de pan de Carballo. Miro Mira miraba e admiraba a Maruxa, posuidora duns ollos azuis e luminosos, que lle daban vida aos ollos cansos de Miro. Dicíame: "A Maruxa e a min so nos separa unha liña recta e os ollos de Maruxa danme calidade de vista, parece que vexo mellor". E eu dicíalle: "Non quites as lentes, por se algún día che vota a bronca por mirar para ela, sempre lle poderás dicir que estás mirando para as lentes".
  Deus axudárao moito, coincidíalle moi a miúdo ver os ollos-diamantes de Maruxa. Ata que pecou, ata que quitou as lentes, ata que tivo a ousadía de felicitala, de adicarlle unha canción... Maruxa pensou que el a miraba con outros ollos. Enganábase, el mirábaa como algo espiritual, como algo platónico. Por eses pecados Deus castigouno e Maruxa tamén. Miro atopa case que sempre os ollos de Maruxa pechados, sen cor, sen luz. Xa leva unha tempada coas lentes, triste e deprimido.
  Estou a esperalo, está a punto de chegar, e eu teño un plan, pois ándanme rondando. Pero quedei de esperalo e espero. Son fiel. Velo aí vén; vén sen lentes. Debeu ver os ollos-diamantes de Maruxa. E ademais vén sorrindo. Debeu ver o sorriso de Maruxa. Aquí está e dime: "Toby, vai dar unha voltiña, xa vexo que tes plan". E fun ladrando detrás da Alana. É boa verdade que o home é o mellor amigo do can, ou é do revés? O certo é que Miro é o meu mellor amigo.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.