Arranxos á crise


  Visto o visto, as medidas do Goberno non funcionan. Temos que ser nós, os de a pé, os que teñamos que coller o touro polos cornos e darlle a volta a esta España recesiva. Temos que consumir, pois así manteremos os postos de traballo e regalémoslle á Banca "luces", que nestas datas hai en moitos negocios, para ver se se decata que deixando cartos medrará o consumo, o emprego e a economía, e así a Banca tamén medrará. E regalémoslles ás Grandes Empresas e Multinacionais tamén "luces", para ver se se decatan de que o traballador precisa ter poder adquisitivo e tempo libre para comprar os seus produtos.
  Recapacita Scrooge (personaxe de Charles Dickens nun "Cuento de Navidad", que representa mellor ca ninguén á Banca e ás Empresas) a ver se renace en ti o Espirito de Nadal , pois se non recapacitas, chegaremos á economía de subsistencia.
  E se non deixémonos ir ata un 25 ou 30 % de índice de paro, e daquela si que o Goberno ten que tomar as rendas, repartir os traballos. Darlle un traballo a un membro de cada parella, a un el ou a unha ela, a un el ou a un el, a unha ela ou a unha ela. E ó outro darlle unha paguiña e darlle unha cotización. Coa paguiña e co que se aforra, andando á caza de ofertas e aproveitando mellor os restos de comida, conseguimos case o salario mínimo. Que gañaremos? Moito. Poderemos ter máis fillos, naturais ou adoptados; así medraría o índice de natalidade. Os nenos merendarían anacos de pan cunha mazá, cun plátano ou cun bocadillo de chourizo... Xogarían máis na rúa cos outros nenos. Diminuiría o índice de obesidade. As parellas durmirían xuntas, diminuiría o estrés, diminuirían os divorcios, pasariamos as vacacións xuntos, a familia gañaría en ética e en moral. Seriamos todos máis bos. E o máis importante: os avós gozarían por fin da súa tan merecida xubilación. Posiblemente non teriamos o AVE, pero así teriamos menos problemas coa gripe aviaria.

Afán recadatorio


  Quero protestar e protesto polo afán recadatorio do Goberno. Eu sempre reciclo vidro, papel e cartón, e andaba co meu coche en marchas longas, na punta do gas para non encher de malos aires a atmosfera e para non encher de aire o meu peto.
  Resulta que nunha recta sen curvas con dous carrís de 5 metros cada un, con dúas beiravías de 3 metros cada unha, e entre cada beiravía e a beirarrúa hai outra beiravía de 3 metros, pois iso, múltanme por ir a 75 km/h onde está sinalizado a 50. Cen euros. (Non sei se multarían a un sapoconcho que acababa de adiantarme).
  Cen euros que me costa 28 horas gañalos, pero eses 100 euros son ingañables, terei que renegociar co banco a miña hipoteca, posiblemente teña que tardar 15 días máis en amortizala.
  Agora aprendín a lección, ando á velocidade que me din os sinais, que se a 30 a 30, que se a 50 a 50..., reducir, acelerar..., para conseguir a velocidade que a lei quere, teño unha tendinite no pé dereito e unha tendinite nos ollos de tanto mirar para o marcador de velocidade e para a estrada.
  Pasou o que tiña que pasar, nunha mirada ao marcador de velocidade, sentín un topetazo, matei un can, un can de raza autóctona, era un can de palleiro, era dun amigo meu, un militante de base do partido socialista. Encarouse comigo. E díxenlle: "Quedo aí, comenteino con Rajoy e díxome que era culpa de Zapatero". O meu amigo, que sempre andou con chaqueta de pana, agora anda con chaqueta de traxe con gravata e camisa, e creo que está deixando bigote.
  Posiblemente me multarán por esta historia con 300 euros e posiblemente me quitarán dous puntos, pero Zapatero seguramente perderá dous votos e seguramente perderá ó Z de Zapatero, pois ó Z é do Zorro e seguramente perderá ó R de Rodríguez, pois ó R é do Raposo.

Reproche á Rubia da Coruña

  Ola Estrella! A que endexamais che dixen hoxe que tes un pelo loiro moi bonito? Pois non cho vou dicir, pois este relato é un reproche.
  Fai uns anos pedinche que me mesturases unha cervexa de verdade con outra de mentira (ou sexa unha normal e unha sen), para así obter unha cervexa de 2.6 % de alcohol. Non me fixeches caso, agora saio cunha tal Cruz apelidada Campo, alcumada LIGTH. Eu que sempre falei en galego, incluso na escola cos mestres, nos tempos de Franco, agora teño que falar en castelán, para entenderme coa sevillana. Eu, que son máis galeguista que Quintana (dixen galeguista, non nacionalista), ata teño unha moeda suboficial, porque oficial é anticonstitucional. O PESO: 5 céntimos son un PESO, 50 céntimos son dez PESOS, un euro son vinte PESOS. De feito estou pensando en montar un negocio de TODO A VINTE PESOS.
  Teño que despedirme de ti, teño cita con Cruz, quero que saibas que sigo namorado de ti, que se ti me quixeses a milésima parte do que eu te quero a ti, compraría un décimo de lotería do Nadal gañador, secuestraríate e levaríate a unha illa deserta, onde o sol quentase día e noite, e que ademais tivese un hotel de 5 estrelas, que contigo sería de 6.

Outono chuvioso

  Neste outono temos de todo: choiva, tronos, lóstregos, aire, vento e ata un tornado. Si, un tornado (esperemos que non torne). Entrou na fábrica de conservas de Carballo, sen permiso do vixiante e fixo moitos estragos materiais. Menos mal que o xefe das inclemencias meteorolóxicas non lles dá as fins de semana libres (cousa que están reivindicando) e tivo o tornado que traballar de domingo, que senón...!
  Nunca choveu que non escampara, ata este outono! Que maneira de chover! Será porque eu canto mentres me ducho? Non é que cante moito!  Serán polo cambio climático estes extremos ou serán pola crise? Como a crise é global creo que fixeron un E.R.E. (expediente de regulación de emprego) no ceo, e quedaron sen traballo Lorenzo e Catalina. Agora traballan de cando en vez na economía submerxida. Traballan pouco. Teñen medo de que os pillen. A ver se, agora que vén o Nadal, lles fan un contrato de longa duración, pois precisamos andar para descolesteralizarnos dos poucos excesos, que cada vez son menos.
  Andar tamén se anda chovendo, pero non é o mesmo. Móllaste, empápaste e encharcas os pés. Aínda que eu merquei uns zapatos de Gore-Tex nun centro comercial, cuxo nome non direi, pero que ten apelido francés, ou inglés?

Multa inxusta






  Isto pasou na estrada Carballo-A Coruña hai uns días. Eu como sempre ía con Fran no seu coche. Fran é un compañeiro meu. Fran é moi escrupuloso coa conducción, quere estar sempre 100% concentrado, non polas multas, senón pola seguridade. Cando entramos no coche dime que cale para non distraelo. Non fuma no coche, non mete o dedo no nariz e nin sequera ten aparato de radio-CD, por se as... SGAE.
  Cal foi a nosa sorpresa cando nos parou Tráfico. O axente meteulle unha multa por ir falando polo móbil. Fran díxolle que non, que el non falara polo móbil dende había case que unha hora, e se non que me preguntase a min. O axente non me quixo preguntar. Eu ía dicirlle a verdade, pois eu non minto.
  Eu son o móbil de Fran. Se o axente me preguntase daríase  conta de que facía unha hora da última chamada feita e tres cuartos de hora da última recibida. Fran recurreu a multa e tamén vai a ir ao Defensor do sentido común.

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.