Estaba Luís Cerviño pintando unha parede e cantando Angelitos Negros, movendo a brocha ao ritmo lento da canción. Veu por alí alguén da familia e díxolle: "Por que non cantas un rock and roll Luís?
Esta anécdota contáronma hai moitos anos. Isto da a entender a familliaridade que había e que hai nesta multinacional familiar, que este ano cumpre 75 anos. 75 anos dinse pronto, pero son toda unha longa vida. Preguntarédesvos que fai unha fábrica de conservas no interior. Don Luís Calvo Sanz dixo: "Se os camións de peixe pasan por diante da fábrica, por que non?" Foi o inventor da primeira empacadora de Europa, primeiros en usar lata redonda en conservas, tamén no pack de tres foron os primeiros. E loxicamente, coa súa publicidade puxeron de moda aos calvos.
Preguntarédesvos quen son eu. Eu son un capricho dunha pa-excavadora nun desmonte, situado ao carón da sala de festas a Revolta. Din que me parezo a Benito Pérez Galdós no billete de 1000 pesetas. E na miña calidade de escritor fago esta historia.
Dende a miña posición ocular e auricular fun testemuña das noites de sábado e das tardes de domingo deste pazo das festas. E tamén son testemuña do vaivén de camións no negocio de enfronte. Lémbrome de cando Daniel Porteiro prantou as árbores, que forman unha das carballeiras máis preciosas que endexamais vin. Lémbrome das inundacións, cando unha persoa da familia foi en zódiac filmando todo o sucedido. Lémbrome dun boneco de neve, feito por alguén da familia, un día de nevarada. Lémbrome do Dépor de Arsenio, que veu facer a pretemporada ás instalacións Calvo, pouco antes de ser o Superdépor. Lémbrome dos concursos hípicos. Lémbrome dos campionatos internacionais de fútbol . E lémbrome de que Calvo, dende fai moitos anos é o patrocinador de practicamente todas as disciplinas deportivas, habidas e por haber, de todo Carballo. E por certo, tamén me lembro dos mellores Beléns da bisbarra que alí se fan.
Formar parte da familia Calvo é un modo, unha maneira de vivir. Eu chámolle vivir Calvo. De feito, eu como observador vivo Calvo dende fai moitos anos.
Se alguén non desmonta o desmonte, aquí estarei para facerlle unha historia ao centenario. Tede un moi bo aniversario!
No hay comentarios:
Publicar un comentario