Nos Xogos Olímpicos de México, no lanzamento de martillo, participou un español. Acadou unha fazaña extraordinaria, lanzou o martelo fóra do estadio. Os xornalistas rodeárono e preguntáronlle como era posible aquel lanzamento.
- Foi moi doado!! E se chega a ser un pico ou unha pa mándoos fóra de México.
Este conto contouno Pepe da Brea na hora do bocadillo, alí diante do taller onde traballaban. Xelo de Calvelo, para non ser menos, contou outro.
Foi un americano de safari a Kenia. Baixou do avión e enganchouno un nativo:
- Vostede quere un gorila para levar para a casa?
- Non ho! Eu confórmome cunha foto ao seu carón, loxicamente unha foto-montaxe.
- Pero é que así ninguén lle vai crer que estivo en Kenia!
- Non me importa.
- Pero como vai ir para a casa sen gorila; lévaos todo o mundo.
- Que é o que teño que facer?
- Fágome eu cargo de todo. Precisamos un can gorileiro, que costa 20.000 dólares.
- O que!! Toleaches?
- Se quere o gorila... Precisamos tamén un rifle último modelo con mira telescópica e costa 30.000 dólares.
- Ti estás tolo!!!
- Se quere o gorila...
- Pero é que eu non o quería.
- Ben, non se poña así. Fainos falta tamén unha rede, pero esta póñoa eu gratis. Voulle explicar o plan: imos á selva. Así que atopemos un gorila, eu asústoo, pois son máis feo ca el, e el marchará correndo e subirase a unha árbore e eu subo detrás. Vostede mova a árbore, e cando caia o gorila, o can mórdelle as súas partes e vostede bótalle a rede, e xa temos o gorila.
- E para iso mándasme mercar un rifle de 30.000 dólares?
- Verá! É que ás veces en vez de caer o gorila caio eu, e o rifle é para que vostede mate ao can.
Puxéronse a rir e nese intre pasou por diante do taller a mestra Maruxa. No seu tempo de recreo foi dar un paseo. Era o seu primiero día de traballo na escola.
A Xelo subíuselle unha cousa por el arriba e rapidamente foi onda a mestra e díxolle:
- Ola, guapreciosa!! A que nunca che dixen que tes uns ollos moi bonitos.
Maruxa, que efectivamente era moi guapa e tiña uns ollos preciosos, dixo:
- Grazas polos piropos.
- Non son piropos; é a auténtica realidade. Fai tempo que estou namorado de ti. E tiña gañas de coñecerte. Sabía que existías, e por fin atópote.
- Es moi galante e moi simpático.
Si. Así era Xelo. Era simpático, estaba sempre contento, alegre, sempre de contos e xogando coas palabras para facer chistes.
Maruxa no recreo adoitaba andar e continuou a pasar por diante do taller. Xelo acompañábaa un pouco e fóronse facendo amigos. Un día atopáronse na sala de festas A Revolta e el díxolle.
- Queres saír comigo?
- Perdoa Xelo, esquecinme de dicirche que eu teño mozo.
A Xelo véuselle o mundo encima. Virou encarnado, pero sobrepúxose e repuxo:
-Que traballo che costa muller? Saímos xuntos e tomamos algo na cafetaría e despois volvemos a entrar. Maruxa riuse da ocorrenza de Xelo. Pero el non volveu a estar diante do taller cando ela pasaba. Maruxa preguntábase o porqué. Un domingo de feira case que chocan de fuciños.
- Que che pasa? Por que escapas de min? Estás enfermo?
Xelo puso a súa man dereita no seu peito esquerdo e asentiu. Con sumo esforzo e pechando os ollos:
- Prometinme a min mesmo que te ía mirar cos ollos pechados, a falarche coa boca pechada, e o máis que acado é a mirarte coa boca pechada e a falarche cos ollos pechados.
- Eu teño mozo. É bancario, con el tería a vida resolta, pero ten moitos defectos: é impuntual, esquece as datas, non é romántico, non é simpático..., todo o contrario de ti. E estou nunha encrucillada. Dáme uns días para pensalo. Se dentro dun mes paso por alí e abro os brazos, quere dicir que ti es o elixido.
Pasou o mes, Maruxa foi cara a Xelo cos brazos abertos. Xelo correu cara ela e fundíronse nunha aperta e díxolles aos seus compañeiros:
- Se pregunta o xefe por min, dicídelle que estou no asento de atrás do meu coche e que tardarei cinco minutos.
- Tonto!! Es incorrixible.
Casaron. Foron de luna de miel e a fatalidade quixo que tiveran un accidente, culpa dun energúmeno que saltou un stop.
Maruxa non o pode contar e Xelo tampouco, pois aínda que saíu ileso, morreu por dentro. Voltouse túzaro, taciturno, amargado e triste. Intentou afogar as súas penas en alcohol, pero estas sabían nadar. Alistouse na Marina, para desaparecer de Carballo. Todo lle lembraba a Maruxa. Na Marina chegou a cabo. Chamábanlle o cabo mudo. E cando se licenciou, fixo oposición a fareiro. Aprobou e tocoulle o faro da illa de Santa Uxía.
Acostumouse a estar só, só coma o seu faro, nunha illa soa, nun mar só. E cando alguén visitaba a illa, enfadábase. Cando lle preguntaban: Onde queda a praia Maior? A onde se vai por este camiño? Por onde se pon o sol? Sempre as mesmas preguntas. Sempre a dar por atrás!! Un día unha dona preguntoulle:
- É vostede o fareiro?
A Xelo, cando viu aqueles ollos, aquela beleza, apareceulle un sorriso na faciana. Subíuselle unha cousa por el arriba...
-Si, son eu. Como se chama semellante beleza?
- Chámome Carmiña e son bióloga. Teño que facer un estudo da flora e da fauna desta illa. Se me puideras facer de guía...
- Como si! Digo como non, guapreciosa. A que nunca che dixen hoxe que tes uns ollos moi bonitos?
- Pois non, hoxe non!
Foron inseparables neses vindeiros días. El a facer de guía e ela tomando apuntes. Xelo voltou a ser o simpático, o alegre, o divertido... Carmiña tamén era moi simpática e ocorrente. Un día Xelo dixo:
- Queres saír comigo?
- Non podemos saír, pois estamos fóra. Pero podemos entrar no teu faro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario