Xefe de mercas

  Un quinto domingo do mes, en Carballo. Feirón. Fun dar unha volta pola feira. E de chiste pregunteille a unha señora:
  - Canto costa esta restra de allos?
  - Vinte pesos.
  - Eu doulle cinco pesos!!
 E a moi vella aceptou. Eu son de palabra, e merqueille os allos. Aló se foi o orzamento daquel domingo. Quedeime sen cine, sen bocadillo de chourizo con queixo, mortadela, xamón e anchoas, e o peor sen as miñas dúas cervexas.
  Con esta experencia mercantil, fun traballar a Nápoles de mordomo, de mordomo dunha casa de señores. Os meus traballos eran limpar, de camareiro, xefe de mercas e tamén de chofer. Cando empecei avisáronme que Nápoles era unha cidade sen lei: "Quita cadeas, crucifixos, aneis e reloxos, pois pódente matar para roubarchos. E endexamais fagas stop nun semáforo vermello, pois danche por atrás. Ti tira para diante, que non pasa nada!!" 
  Si, é como naquel conto, que van dous amigos nun coche, nun semáforo en verde o condutor para, e dille o copiloto:
  - Para que paras se está en verde?
  - É que teño un curmán que sempre pasa en vermello e teño medo que pase por aí.
  Pois si, eu era xefe de mercas. De feito felicitáronme o primeiro mes.
  - Fai dez anos que non gastamos tan poucos cartos coma este mes. Moitos parabéns!!
  Endexamais lle dixen que os comerciantes me ofertaron inflar as contas e repartir a diferenza. Endexamais aceptei semellantes amaños. Vin para Carballo e montei unha empresa. Loxicamente tamén fun o xefe de mercas. Para ser xefe de mercas, tes que saber lidiar cos vendedores  e que os vendedores non te lidien. Como  mercador permítome certas licencias e fago bromas cos vendedores. Un 14 de febreiro nun centro comercial, con  música ambiental de boleros, animándote a mercar un regalo para a túa parella. Vin un montón de coliflores nun andel a un euro. Vin outro andel con coliflores tamén a un euro, e díxome unha dependenta:
  - Por que non lle levas unha coliflor á túa dona?
  - Non, grazas!
  Volvín a atopar outro andel con coliflores a un euro.
  - Por que non lle levas unha coliflor á túa muller?
  - Pero vaia!  Hoxe é o día dos namorados! Tereille que levar unha flor non unha coliflooor!
  De alí a uns días a mesma dependenta miroume con mala cara e díxome:
  - Queres levar unha piña?
  - Pero eu a ti que che fixen?
  Este día na pastelaría había unha señora diante de min e dixo:
  - Tes unha torta de millo de onte?
  - Non señora! Son todas de hoxe!
  - Pero é que eu quería unha torta de onte!
  - Pois non as hai!
  Eu metinme na conversa e díxenlle:
  - Mellor que sexa de hoxe!
  - É que ao meu home gústanlle do día anterior.
  - Pero lévella hoxe e déalla mañá!
  E contestoume a vella toda seria:
  - É que as tortas do día anterior véndenas a metade de prezo!
  A vella si que valía para xefa de mercas! A min endexamais me venderon unha torta do día anterior pola metade de prezo!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo