Nos anos sesenta e setenta non había traída de auga na Casilla, o meu barrio. Moitas casas tiñan pozo, pero as máis tiñamos que ir por auga á casa dos veciños. Soían ir as donas e mais os rapaces. Un caldeiro en cada man para encher a sella, onde se mantiña a auga fresquiña, o pote, que estaba na lareira, e o depósito das cociñas de ferro. Eran as maneiras de ter auga potable e mais auga quente.
A Xosé da Casanova, mandábao a nai a por auga á da Sra. Esperanza. A sra. Esperanza era mala coma o demo, así como o seu home, o sr. Constantino era un anaco de pan, de pan de Carballo.
Cando tocou coller as mazás das maceiras, o sr. Constantino pediulle a Xosé axuda para quitalas das árbores, pois Xosé aganchaba moito mellor e pesaba menos. Cando acabaron de acabar, Constantino deulle un lote de mazás e un peso a Xosé (cun peso iamos ao cine infantil). Cando saía Xosé, entraba a sra. Esperanza, e el, todo inocente dixo:
- O sr. Constantino deume estas mazás e máis este peso!!
- Mazás leva dúas, e trae o peso para aquí!!
Mesmo nese intre, Xosé da Casanova soubo o que era a sede de vinganza e dixo:
- Heime vingar!!
Xa sabedes que eu adoito meter un conto nas miñas historias:
Chega un rapaz chorando, cheo de golpes, rabuñadas... á súa casa e dille a nai:
- ¿Cómo vienes así? ¿Qué te pasó?
- Es que Pepito y más Jaimito me zoscaron!
- ¿Y por qué no te vengaste?
- Si no me vengo me matan!!!!
Na casa da sra. Esperanza prantaron unha pereira. Unha pereira do melloriño que había na bisbarra. Unha pereira que garantía as mellores peras. Na primavera, agromou e tivo unha flor. Xosé viu como aquela pereira e aquela flor medraban. Viu como a flor se converteu na pera máis bonita, máis grande e apetitosa do mundo. A sra. Esperanza decatouse de como Xosé miraba a pera, e dixo:
- Non se che ocorra coller a pera, pois malearías a pereira e non daría máis froito. Ten que caer polo seu propio peso!! Non se pode arrincar!!
A Xosé acendéuselle unha candea e pensou:
- Esta é a miña! Voume vingar!!
Un día que o matrimonio do pozo foi á leña ao monte, entrou Xosé na horta. Agarrouse á pera con coidado de non arrincala e acabou con ela a dentadas. Na pereira só quedou o cadolo. A pereira non ía ter problema para ter máis peras no futuro. A mala sorte de Xosé foi que a sra. Esperanza chegou antes de tempo e viu a operación. Colleu un caldeiro de auga e tiroulla pola cabeza abaixo. Pobre Xosé da Casanova, todo molladiño, pero orgulloso e ledo da súa falcatruada, díxolle á vella:
- Estábache ben boa!! Valeu a pena a molladura e mais o meu peso!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario