A festa da empresa

  Tiven un mal día. Non tiña moita gana de ir á cea da empresa, pero dixen que ía ir e fun. Sonche de palabra!! Animeime a ir pola actuación das Cantareiras de Ardebullo (segundo elas o concello de Ardebullo está entre os concellos de Carballo, Laracha e Cerceda). Gústanme moito e dixen:
   - A ver se bailo con elas!!
  Pero non puido ser, pois actuaron antes da cea. Tocoume un posto lonxe da súa actuación, e dada a miña xordeira, canseime de escoitalas. Sei que viñeron nun Vespino (supoño que era capotable, pois co que chovía non estaban moi molladas!). Tamén dixeron que Carballo ten de todo, menos o Corte Inglés. Alguén díxolles :
  - Tamén o temos! E logo a feira? As cantareiras foron as encargadas de facer un sorteo de varios regalos. A min tocoume facer Una crónica de una fiesta anunciada, e aquí estou! Ceamos, tomamos café, uns chupitos e contei un conto. Díxolle un home a súa muller:
   - Quéresme moito?
   - Si ho! Quérote moito.
   - E se me pego un tiro, sentiríalo?
   - Si home! Non estou xorda!
    Pedíronme un bis e ... Estaba un home tomando café e dixo:
   - Colón descubriu América no ano 1492 e nese mesmo ano os Reis Católicos expulsaron aos mouros da península. Teño que deixar de tomar café! E dixo un compañeiro:
    - E logo?
    - Non ves que me pon histórico?
  Cantei unha canción de Carlos Díaz O Xestal, pero non me pediron bis. Había un foto-matón. Unha especie de cabina, na que a xente se disfrazaba con gafas grandes, sombreiros, colares, perrucas... e quitábanlle unha foto. Fai uns anos que as fotos non se ven en papel. Moito ordenador, móbiles, cámaras fotográficas... Moitas modernidades, pero poucas fotos xenuínas, as que quere miña nai:
    - Eu quero velas, palpalas, cheiralas, barallalas...
    E co foto-matón volvemos ao papel. Soou a música e quitei a bailar a Fina. Fina sabe deixarse levar e díxenlle:
   - Que ben lle damos á chapata!
   - É unha bachata, ho!
   - Sonche cousas do directo!!
   Ao principio do baile había bastante sitio, porque os cubatas servíanos en vasos de tubo; pero cando os serviron en copas-balón xa se reduciu o espazo de baile. En definitiva, ben! Paseino ben! Pasámolo ben! A plana maior coa menor. Os altos e os pequenos eran da mesma altura. Os delgados e os gordos eran da mesma talla. Os guapos e os menos guapos eran da mesma beleza...


No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo