16sep2014

Manuel de Redondela

  Eu sonche moito de radio, pois mentres a escoitas, podes facer infinidade de cousas. Gústame estar informado, pero ao mesmo tempo, cun pouco de donaire, de alegría, de entretemento... Fai anos escoitaba a Carlos Herrera, un cachondo mental, e lémbrome dunha anécdota: a xente chamaba para contar a súa experiencia, do tema do que se falaba. Ese día, o tema era "Vivir preto dunha granxa". Un home dixo: "Eu vivo a  unha distancia prudencial dunha granxa de cochos, e cando o aire vén daquela dirección, non hai distancia que valla. Aquel cheiro é insoportable!!" Ao que Carlos Herrera lle pregunta: "Pódeme dicir cantos cochos ten a granxa, pola intensidade do perfume porcino?" Ao que o home contestou: "Ese non é o meu sistema de calcular a cantidade de cochos, eu teño un máis seguro e preciso; conto as patas e divido entre catro e xa me dá". O Herrera, que ía por ovellas, saíu trasquilado; quero dicir, ía por cochos e saíu capado. Gústame que os oíntes sexan protagonistas!
  Agora escoito Galicia por Diante, na Radio Galega, pois o Kiko Novoa é un crak, un estilo Carlos Herrera, moi ameno e simpático. Moi ocorrente e retranqueiro. Sempre me digo de recopilar as súas saídas e retrancas, pero esquézome de anotalas e despois non me lembro. Este luns pasado, non é que el fose o protagonista, pero chamou un señor, un tal Manuel de Redondela, e anotei para lembrarme e así foi máis ou menos. O tema era a influencia dos pais para que os fillos fosen unha cousa ou outra. Chamou Manuel e contestou aos bos días de Kiko: "Bos días. Así dixo un coñecido meu un luns pola mañá cedo, pouquiño antes de morrer". E agonizando díxome: "Vaia maneira teño de escomenzar a semana!" Continuou Manuel: "Eu son irmán de seis mestres, pai de mestra e sogro de mestre. Estudei á forza dende os cinco anos ata os dezaoito, collinlle tal teima aos libros, que por min queimaba a metade e a outra metade reciclábaos. Eran aqueles tempos, en que La letra con la sangre entra. O tempo dos duros castigos, o tempo das vareadas na punta dos dedos, de pórse de xeonllos enriba de grans de millo con catro ou cinco libros nas palmas das mans, e cara á parede. Si, eran os tempos en que te colgaban dunha percha polo xersei, despois de recibir un hostiazo na cabeza cun anel tamaño castaña. Non quero ver os libros diante!!!"
  Un día a miña filla díxome que quería ser mestra, e eu reuninme con todos os meus fillos e díxenlles: "Quero que sexades o que vós queirades, aquí vosa irmá quere ser mestra, e eu non llo vou prohibir, só lle pido, e  pídovos, que non deixedes os libros onde eu os vexa. O que sexades, tedes que ser os mellores. Prefiro un bo albanel que faga ben as casas a un mal médico que me ande matando os veciños. Se me facedes caso, os mellores oficios son electricista e fontaneiro. A que non sabedes o conto daquel fontaneiro, que foi arranxar unha inundación na casa dun home de carreira? Chegou alí, quitou o tapón da bañeira e pechou a billa e díxolle ao propietario: "Son trinta mil pesetas" Ao que o outro exclamou: "Oia! Que eu son cirurxián plástico e non cobro tanto!!" E o fontaneiro: "Tamén eu o era, pero metinme a fontaneiro!" Ríronse un pouco e díxome a futura mestra: "E logo teu pai tamén che deu o mesmo consello?" "Non! Meu pai tamén me contou un conto: Estaban pai e fillo cavando na terra, e nisto que soaron as campás , dando as doce, hora de comer, e dixo o fillo, agarrando o sacho pola punta do mango e arrebolándoo o máis lonxe que puido: "Isto non é vida para min, meu pai!! Eu marcho  percorrer mundo, vou á aventura!!" "Vai meu fillo vai. Isto de fozar na terra,como a toupa, non é vida. Pero ten a nosa casa e a nosa familia moi en alto, que esteamos orgullosos de ti. Vouche  dar un consello Hai dúas cousas que provocan as guerras: o traballo, pois a falta del provoca diferencias sociais, e veñen as guerras; a outra son os cartos, pois un fillo é capaz de matar a seu pai por unha peseta. Así que vai polo mundo facendo o ben. O traballo déixallo aos outros, e se che dan algo para ir vivindo e che sobra, repárteo". Si, así me dixo o meu pai!! Pero díxomo cando eu tiña sesenta anos. "Pero meu pai!! Por que non mo dixeches cando tiña vinte anos?" "Non cho dixen! É verdade non cho dixen, porque ti eras capaz de facelo ao pé da letra".
  Acabou a intervención de Manuel de Redondela, e dixen: "Unha boa historia, si señor! Fáltalle un final". O final veume dado, cando Kiko Novoa chamou a Manuel, para comunicarlle que el fora o escollido, entre todas as chamadas, como gañador de quince quilos de patacas de Coristanco. "Gañaches as pataquiñas, Manuel!!" Ao que Manuel de Redondela repuxo todo contento: "Eu confórmome con moi pouca cousa, dúas pataquiñas e un costeleta de boi dun quilo xa vou ben!"

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo