O Galo de Louro

  Foi  facerlle unha visita de cortesía un médico substituto ao médico saínte, por xubilación. O vello dixo: "Esta xente é moi boa xente, pagadores, enferman o xusto para que ti traballes sen angustias, sen estrés... e tampouco vas estar parado. Non che faltará clientela. Esta xente só ten un defecto; ponlle alcumes, alias e sobrenomes a todos. Fíxate en min: un pai de famillia normal e corrente. O meu fillo, un día de cagarrela, foi facendo os seus apuros pola rúa, e puxéronlle o caganetas. Loxicamente eu, de pasar de ser o pai do caganetas, pasei a ser o doutor Caganetas. Ao cura chámanlle o corvo negro, á mestra a Chocha, ao farmacéutico Boticas..."
  O primeiro día de traballo, o doutor chegou montado no seu faco e deixouno nas aforas, pois o cabalo era moi fraco e tiña medo de que o chamaran Rocinante e a el o doutor Quixote. Foi andando, chegou á taberna e subiu os tres chanzos de madeira amodiño para non facer ruído e non lle chamasen o doutor tristrastreschanzos. Pediu un café e tomouno con  pouco azucre, para que non lle chamaran o doutor lambón. Saíu todo contento de ter feito todo ben, para non ter alcume. Foi  traballar e na metade da mañá, chegoulle un aviso do sr. cura para que o fose saudar. Cando acabou a súa tarefa, foi á casa do corvo negro, e este díxolle: "É moi boa xente, pagadoriña... Só ten un defecto: ponlle alcumes a todo mundo". E contestou o novo médico: "Non se preocupe! Véñolle prevido". E quedoulle!!
  Fun este día á aldea de Louro, no concello de Muros, na busca dun galo. Un galo labrado en granito, que está no cumio dun de tantos hórreos que alí hai. Sempre vin cruces e picotos, e alguén díxome que vira un galo en Louro. Deambulando pola aldea, e non atopando o galo nin a  quen  preguntar, vin a un señor sonecando, sentado nun banco de pedra, diante dunha casa, debaixo dunha placa, na que poñía Doutor Prevido. Díxenlle: "Boas tardes!" Espertou e díxome: "Eu son o doutor Prevido, pero collíchesme desprevido!" "Vostede non será o do conto de Cándido Pazó?" "Son, si! Pero xa ves que non é un conto, é unha historia baseada na pura realidade. O sr. Pazó é un contador de historias moi real. Quero que saibas que o meu nome é Xosé Rodríguez García, e vin o meu alcume moito máis comercial" Estivemos falando de todo un pouco e ao final díxenlle: "Eu ando a buscar un hórreo, que ten un galo no tellado, pero levo horas buscando nel e non o atopo. Poderíame dicir onde está?" "Endexamais vin nin sentín semellante cousa!" Eu seguín a buscar, e por fin atopei o Galo. Fun buscar ao vello e ensineille a estatua do galo. Alí estaba maxestoso, todo dereito, mirando para ningures e sabéndose o rei daquel entorno. Ledo e contento do seu hórreo. Un hórreo sen antenas, farolas, cordas de roupa... e dixo o doutor Prevido: "Levo aquí preto de sesenta anos e nunca vira semellante cousa. É boa verdade que teñen que vir os de fóra para valorar o noso!!"
  Eu marchei escopetado, non fose que me alcumasen o do galo!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo