Festa de Sofán


  Nas festas de Sofán, onde eu vivo, quedaron comigo dúas sobriñas-netas xemelgas, pois os pais tiñan que traballar. Querían ir á verbena e leveinas. Alí chegamos coa primeira canción. Eramos unhas corenta persoas. Loxicamente todos atrás, e no que eu lle chamo o baile da mecha, estaban elas as dúas. Non perdían baza! Coa boca aberta! Despois dunhas cancións, o cantante dixo: "Imos cantar El Rey, cando cheguemos a Llorar y llorar apagaremos o audio e cantades vós". Ninguén cantou, e o cantante, todo alporizado dixo: "De catro mil persoas, só estas dúas nenas cantaron".  Miráronse unha a outra e di Paula: "Ti cantaches?" "Eu non", contestou Sara. "Pois eu tampouco!" Viñeron correndo e chorando cara a min, e dicindo ao unísono: "Nós non fomooos! Nós non cantamooos! O cantante di mentiras". Calmeinas levándoas ás atraccións.
  Ao outro día leveinas á sesión vermout e pasamos por diante dun bar, onde estaba a cantar unha charanga. Quixeron escoitar e ver. No intre da nosa chegada puxéronse a cantar: "Ai Sara, Sara Sariña. Ai Sara ti es a miña. Ai Sara Sarone. Ai Sara do corazone. Ai Sara Sarota ..." Sara púxose a chorar dicindo: "Por que se meten comigo? Por que me insultan?" Díxenlle que era a canción así e calmouse, non sen acadar un xeado para cada unha. A última canción da charanga foi A Santiago voy e di Paula: "Marchan? Para onde van?" E di Sara, toda chea de razón: "Non oíches que van para Santiagooo!".
  Viñeron os pais e quedei moi relaxado. Pola noite actuaba o Combo Dominicano. Ao outro día tiña que ir  traballar. Sentín falar moito deste Combo! Actúa en todos os sitios. Parecen varias orquestras clonadas. Dixéronme que tocaban todo música bailable sen parar. Non como as orquestras-espectáculo que están cheas de parafernalia, circo, teatro... e tocan poucas cancións. E bailables? Moi poucaaas! Dixen:"Xa que non podo ir, polo menos vou  escoitar dende a casa, pois os ventos predominantes en agosto son do norte-nordés, tráenme a música ata a miña cama. E mirade por onde, que esa noite, soprou do sur e o aire foi coa música a outra parte.
  De alí a uns días, o Combo actuou en Berdillo, tamén ao norte da miña casa, abrín a fiestra, e escoitei toda a actuación. E é verdade!! Toda música bailable! De feito bailei toda a noite coa almofada!!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo