Eu non nacín con 54 anos. Eu fun neno, e como todos os nenos, tiven un heroe. Non era Superman, nin Spiderman, nin o Capitán América. O meu heroe real, e mais do meu curmán Xoán, era e é o Tío Pepe. Eramos a envexa dos nosos coetáneos do barrio da Casilla. El é o noso espello. El xogaba con nós. Facíanos as casas do poboado do Oeste e as tendas dos indios, para que nós xogaramos cos nosos vaqueros e indios. El dicíanos que os indios tamén podían ser chicos da película. Ensinounos a xogar ao xadrez, a facer as pezas, talladas en madeira, cunha navalla, cantaba e tocaba a guitarra e nós faciámoslle os coros, e sempre que ía de viaxe traíanos un agasallo. Fíxonos partícipes das súas intencións de aventuras. Díxonos que ía correr o Tour de Francia coa bicicleta da tía Celsa, intentamos facer un submarino para navegar polo río Anllóns e ata dixo que ía facer unha nave espacial para irmos ao sol, ao que meu curmán Xoán lle dixo: "Pero ímonos queimar moito antes de chegar a el!" Ao que o tío contestou: "Non imos ir de día!" Houbemos de escachar coa risa os tres. O tío Pepe é un inventor de utopías, imposibles e sobre todo é inventor de soños.
Eu vou moitas veces á praia de Louro, buscando días de praia, e sempre llo comento a el, e dime: "Non hai praia como a de Razo!!" Eu tamén son desa opinión, pero o nordés é mais levadeiro con 6 ou 7 graos máis.
Despois desta invernía que tivemos, fun buscando o sol de xuño como auga de maio, a Louro. Alí atopei ao meu tío no piñeiral e díxome como reproche: "Onde está o sol tan famoso de Louro?" " Dálle tempo". E efectivamente, saíu o sol ás dúas da tarde. E que tarde!! Volvino a atopar no mesmo sitio, á sombra, e pregunteille todo estrañado: "Pero ti non querías sol?" "É que eu quero o sol para estar á sombra!!" Nese intre lembreime da nosa viaxe ao sol e díxenlle: "Si! Xa sei. Ti aínda queres ir ao sol pola sombra!!
Así é meu tío! Gústanlle as sombras pero ten moitas luces.
No hay comentarios:
Publicar un comentario