Iamos, o meu afillado e mais eu, andando polo seu barrio, e explicábame todo. É o normal nun neno de seis anos: "Esto es..., aquello es..., lo de atrás es... y aquella casa es de los curas". O meu afillado é moito de falar castelán e díxenlle: "Se están a oscuras que prendan a luz!!" Quedóuseme mirando de arriba a abaixo e pronunciou sílaba a sílaba: "Es la ca-sa de los cu-ras". "Pois se están a oscuras que acendan a luz!!" Empezou a patalear, a chorar e a berrar: "Es la ca-sa de los sa-cer-do-teees!!!" "Ah!, agora xa te entendo!"
O meu afillado Fabián é moi cariñoso, é moi simpático..., pero ten uns prontos! Da súa simpatía é mostra esta anécdota. Viñan comigo, no coche, el e miña sogra. Iamos pola Ronda de Outeiro e dixo a vella: "Nesta rúa fixen as prácticas cando quitei o carné de conducir". E eu díxenlle : "Pois eu a rampla , a marcha atrás e o L fíxenas na Torre de Hércules". A miña sogra repuxo segurísima: "Pois eu fíxenas aquí!!" E dille o meu afillado: "Abuela cuando tú quitaste el carnet de conducir aún no construyeran la Torre de Hércules". "Conxanado! Que maneira de chamarme vella!!"
Outra vez, coa avoa de protagonista. Estaban dándolle de comer ao can de Fabián as sobras da comida e dixo a vella moi sorprendida: "Come leituga, come cebolas, come tomates, come tortilla, come mazás...; o meu só come carne. Que sorte tedes, que o voso come de todo!" " No abuela, no come de todo, las patatas fritas no las come!" "Que raro", dixo ela e sentenciou Fabián: "No las come porque mi padre y yo nos peleamos por ellas y nunca sobran!!"
O meu afillado ten 30 anos, convive coa súa parella, ten un neno e funciona de funcionario. Igual que a gran maioría da xuventude non casou. E non só os restaurantes, os fotógrafos, as axencias de viaxes, os curas... están prexudicados pola teima de non querer casar, tamén os padriños.
A que ven esta historia? Díxome o outro día o meu afillado: "Tú ya cumpliste como padrino y te levanto la obligación de regalarme el bollo de Pascua, siempre y cuando me dediques o me pongas de protagonista en una historia tuya". E aquí estou. Eu cumprín como padriño. Regaleille o Scaléxtrix, que era a principal condición que me puxo o seu pai para aceptar a miña proposta padriñal, os xoguetes de Playmóbil, un xadrez electrónico, cepillo de dentes eléctrico, máquina de afeitar eléctrica... Algunha vez usei do meu maxín para facerlle regalos, como aquela vez por Pascua. Encarguei un molete de pan ben grande, fíxenlle un burato por abaixo e quiteille todo o miolo. Dentro metinlle un chándal. Que sorpresa levou cando viu aquel molete! Nin pan de ovo era!!
As antigas xeracións adoitabamos casar aos 20 ou 30 anos e dende que casabas os padriños deixaban de darche o bolo pola Pascua, pero é que agora non casan e estás obrigado como padriño de por vida. Non casan, teñen fillos e non os bautizan, non lle fan a primeira comuñón, nin a confirmación... Viven no pecado toda a vida e un pouquiño antes de morrer arrepíntense e piden perdón e van para o Reino dos Ceos. E ti que cumpriches con todos os sacramentos, que pasas regularmente por diante da igrexa e se non lle dás unha esmola a Bárcenas, e non te arrepintes, vas para a República dos Infernos directo.
Pois si! Estase a extinguir a raza dos padriños e supoñedes o que sería a historia da Sétima Arte se non existise o Padriño?
No hay comentarios:
Publicar un comentario