Ilusión

  - Non sei como te arranxas para estar sempre contento, díxolle Sonia a Gumersindo da Rachola.
  - É fácil! A ilusión axúdame moito. Un venres, aínda traballando, estou contento, pois teño a ilusión da fin de semana. Compro o cupón e teño a ilusión de que me toque. Se vou  comer ou  cear algo que me gusta moito, teño sempre este sorriso, pensando no meu prato preferido.
  - Quen me dera ser coma ti!
  - Vouche  contar unha historia, para que te decates do que pode facer a ilusión:
  Estaba un espantallo cravado na terra facendo o seu traballo, cando escomezou a chover, a chover a esgalla. Un pardal buscou abeiro debaixo do sombreiro do espantallo, pero a auga viña con vento e non lle servía de nada o sombreiro. Nisto que Trapiño -así se chamaba o espantallo- colleuno coa man e meteuno no peto da súa chaqueta. Cando escampou, o pardal saíu e deulle as grazas a Trapiño, dicíndolle: 
  - Pero ti como me axudaches, sendo un espantallo?
  - Eu non vallo para este traballo. Estou aquí cravado sen facer nada e nin os paxaros me tedes medo. Nin eu quero poñérvolo!!
  - Pois vente comigo. Imos ver ao patriarca dos paxaros a ver se che soluciona o problema.
  Para alá foron. O patriarca dos paxaros era unha paxara! Total, que a patriarca sentenciou: "O porqué da túa vida vai a ser a túa ilusión".
  - E cal vai a ser a miña ilusión?
  - O teu amigo o pardal! Irás con el, vivirás con el e pasarédelo moi ben.
  E así foi. Percorreron mundo, viviron moitas aventuras, gozaron a tope... Pero chegou o momento en que o pardal atopou unha pardala.  Foise con ela, deixando a Trapiño só. Este pensou que o paxariño tamén atopou a súa ilusión e é normal que vaia detrás dela. Foise para a súa leira. Cravou os pés na terra e púxose a facer o seu traballo, non sen antes soltar unhas bágoas, tal era a súa tristura!
  Pero un día chegou un pardaliño: "Trapiño, Trapiño..." Chegou outro pardaliño: "Trapiño, Trapiño..." Chegou outro pardaliño: "Trapiño, Trapiño..." Ata que chegou o pardal coa súa ilusión: "Pensaches que te iamos  deixar só. Vente con nós". Pasaron por diante dunha leira e unha espantalla ao ver a Trapiño descravou os pés do chan. Tamén ela atopou a súa ilusión!!
  - Que bonita historia -dixo Sonia.
  - Mira ti o que pode facer a ilusión!! Eu levántome pola mañá coa ilusión de verte. Déitome coa ilusión de que sexas a protagonista dos meus soños. Vivo coa ilusión dunha mirada túa, dun teu sorriso... Se ti me preguntas cal é a miña ilusión, contestareiche que a miña ilusión es ti.
  - Xa estou empezando a decatarme de que ti es...
  E nisto que Gumer espertou e espertou a súa Sonia e díxolle: "Acabo de soñar con algo que pasou hai moitos anos. Soñei o que pasou aquel día que nos fixemos noivos!"

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo