Parece ser que os editores do Antigo Testamento van cambiar o número de días que durou o Diluvio Universal. Van poñerlle 140 días, pois os corenta días foron superados con creces polo Diluvio Galicial, que durou 60 .
Todo empezou aquel día cando saíron da perruquería aquelas señoras, todas peiteadas, e púxose a chover e dixeron: "E se chove, que chova". Tres meses de choiva!!; non parou ata hai uns días. Antonte atopeime cun coñecido e díxenlle: "Que fas co paraugas aberto, se non chove?" "Xa forma parte de min". Si, unha das consecuencias das sucesivas cicloxéneses que nos azoutaron; unha nova criatura da natureza, O Paraugalego.
Non, non me preocupa vivir nunha bóla dando voltas polo espacio a 1000 quilómetros por segundo no medio de asteroides, meteoritos, cometas e lixo espacial, pero preocúpanme as cicloxéneses que converten as praias en rochedos, os rochedos en praias, que causan moitos estragos, e sobre todo, que levan moitas vidas.
Outra das frases das señoras é: a alegría é o único sitio en Galicia que non se nubra. A alegría é unha das nosas máis preciadas virtudes, pero abunda pouco. A crúa realidade pode con ela. Menos mal que temos milleiros de festas para mitigar a tristura.
Tamén din as señoras: Vivamos como galegooos! Eu son de vivir como galego, pero de vez en cando gustaríame vivir como gorrión, quero dicir como canario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario