A nosa cuadrilla, aló polos anos setenta, xuntábase na sala de Xogos Ernesto, na rúa da Saúde de Carballo. Ernesto era un inventador. Inventador de historias, inventador do tapete a cadros de hule nas súas mesas de billar (era moito máis barato có tapete verde), inventador do cristal de carne, pois as rachas de chourizo dos seus bocadillos eran transparentes...
Alí departiamos sobre da película do día anterior, do partido de fútbol, da obra de teatro do Estudio Uno... Xogabamos, contabamos contos, falabamos, riámonos... Non nos aburriamos. A sala de Xogos Ernesto era a nosa Pleiesteixon. Pleiesteixon real, non virtual! Era unha das poucas modernidades que tiñamos, xunto coa televisión monocanal e bicolor. Agora hai demasiadas modernidades: tabletas, jaimenbois, esmarfóns... E din os nenos: "Abúrrome, abúrrome..."
Este día Chucho da Jauvea foi coa súa cuadrilla comer a un restaurante. Botou unha ollada: na súa mesa todos con whatsapp, na mesa do lado había un matrimonio con tres fillos, cada un co seu aparello aceso e... comendo, nin unha conversa. Na mesa de enfronte a mesma película. Mirou para atrás e idéntica paisaxe. Preguntoulle ao seu amigo, que tiña a carón, se lle gustaban as ameixas e a resposta, no medio dun whatsapp, foi: "Non, non vin o partido". Mirou á fronte e púxose a cantar: "Hola soledad! Casi siempre estás conmigo, te saluda un viejo amigo..." Soledad é a dona de Chucho da Jauvea.
Menos mal que sempre nos quedará unha Soledad para falar con ela!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario