A illa acuarelina

  Sacou a bailar Pepe a unha rapaza  moi guapa e rapidamente lle espetou: "Queres casar comigo?" Ao que ela respondeu: "Seica toleaches? Nin sequera sabes o meu nome, que fago, quen son? E eu non sei nada de ti". "Non te preocupes! Xa nos iremos coñecendo pouco a pouco". "Vale! Acepto".
  Casaron, foron de lúa de mel a un hotel de 5 estrelas, a un hotel dunha illa, dunha illa paradisíaca, unha illa rodeada de mar por todas as partes. Na piscina do hotel, Pepe subiuse ao máis alto do trampolín e tirouse. Unha cravada perfecta, despois de tres reviravoltas. Ela aplaudiulle e díxolle: "Non sabía que sabías saltar tan ben dende o trampolín". "Xa cho dixen eu, que nos iriamos coñecendo pouco a pouco. Fun campión olímpico de salto de trampolín". Vai ela e lánzase á piscina e fai 10 largos en dous minutos e dille Pepe: "Campioa olímpica de natación?" E ela: "Non ho! Prostituta a domicillio en Venecia".
  Eu sempre tiven a ilusión de saber bailar e sobre de todo de saber nadar. De saber nadar para ir a unha illa e nadar na piscina do hotel e por suposto nas súas fermosas praias. Xa teño uns anos e o ano pasado fun a clases de natación, pero non fun capaz nin sequera de aboiar. Íaseme  facer moi costa arriba: primeiro nadar, despois bailar. Así que lle dixen ao monitor: "Por que non me aprendes a natación sincronizada? Así aprendo a nadar e a bailar ao mesmo tempo".
  Total que nada, de nadar nada e inútil de min, coma sempre, tiven a posibilidade de ir a un cruceiro- non ao cruceiro que está ao carón da nosa igrexa parroquial-, a un cruceiro nun iate de luxo. O capitán quíxonos amosar, de preto, a súa illa de orixe e o iate encallou nas rochas e tivemos que saltar á auga e, mirade por onde, alí foi onde aprendín a nadar (a necesidade obriga). Nadei ata unha illa que había alí preto, e cheguei a unha praia extenuado e canso. Quedeime durmido na area e, cando espertei, xa estaba enxugado e púxenme a andar. Menos mal que teño unha carteira desas metálicas, que venden na teletenda, que non se me mollaron os cartos nin a documentación.
  Andei, andei, andei... e aquela illa acuarelina parecía unha illa deserta. Eran as doce da noite e aínda quentaba o sol. Outra ilusión da miña vida: ir a unha illa deserta onde o sol quentase día e noite. Subín á colina que estaba no medio da illa, e dende alí outeei toda a illa, unha illa acuarelina con praias, radas, cabos, baías... Ao pé dunha das praias había un centro comercial cuxo nome non nomearei pero que ten apelido inglés. Tamén había un hotel de 5 estrelas. Entrei no súper do centro comercial e merquei unha Estrella Galicia. Entrei no hotel, que coa miña cervexa pasou de ser de 5 estrelas a ter 6. Fun ver o cuarto e aseeime un pouco e fun  dar unha volta pola illa acuarelina. Collín un sendeiro que me levou ao faro da Furna. Un faro do ano 1875, estaba na outra punta da illa. Dende alí ollei todo ao meu redor: acantilados , rochas, praias... e o barco que se estaba a afundir ao carón da illa. Dixen: "Que sorte tiven. Espero que non morrese ninguén no naufraxio".
  Estiven alí uns días. Unha illa logo se ve, non é para vivir nela longas tempadas. Así que decidín voltar a terra firme, a miña terra onde o sol non quenta nin de día nin de noite, onde chove a máis non poder. Agora distráiome indo a cursos e talleres de escrita. Escribir é a miña teima, a miña paixón.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo