A palabra inventada polo ministro Wert, LOMCE, para min ten un erro ortográfico, pois cando eu estudei, o son "N" antes de consoante só era "M" antes de "P" ou de "B", pero nunca antes de "C", eu nunca escribiría numca.
Bromas aparte, non nos vai moi ben con estes do PP, vainos moi mal! En todo, pero sobre todo en educación e en sanidade, culpa das tesoiras eléctricas de Feijoo e Rajoy.
Contoume este día o meu amigo Gumersindo da Rachola: "Nunca tan pronto cheguei a unha cita. Fun facer unha resonancia magnética e dime unha enfermeira: "Vostede ven mal, moi mal!" "Pois eu atópome ben". "Non ho! Hoxe non é o día da súa cita". "Pero hoxe non é o 22 de outubro?" "É ho, é, pero non estamos no 2014". "Cheguei un ano antes á cita". E eu díxenlle a Gumer: "Malo será que co céntimo sanitario non che adianten a quenda". E el coa súa retranca: "Si ho!, para o 20 de outubro do 2014!"
Estabamos falando disto no noso bar de tertulias, cando chegou o noso cego de cabeceira, puntual coma sempre e dígolle a Gumer: "Aí o tes! Non falla nunca". E el: "Fallar non falla, pero acertar non acerta nunca. Nin unha devolución!" Xa digo eu, para que nos toque a devolución o máis doado é non xogar. Xogamos pola famosa paga mensual durante 25 anos, porque o que é a pensión ímola ter difícil de cobrar. Disque temos que traballar ata os 70 anos e dígolle a Gumer: "Imos morrer traballando!" E dime: "Non sexas tan gafe!! Cun pouco de sorte morremos na hora do bocadillo". Para que queren os empresarios traballadores de 70 anos, coxeando e con bastón? Non lle será mais rendible darlle traballo á xuventude tan preparada que temos?
Despedímonos dicíndolle eu a Gumer: "A ilusión de ter unha boa pensión non ma quita ninguén! E espétame el: "Pois eu case prefiro un hotel de 5 estrelas!"
LOXICAMENTE ESTA HISTORIA É DO 2013. É só unha lembranza. Os gobernantes non son os mesmos, pero as perspectivas son as mesmas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario