Na miña nenez, aló polos sesenta, en Carballo había moita afección polas motos. Tiñamos un circuíto urbano de motocrós, no Campo da Feira. Viñan correr campións de España e por suposto de Galicia, moitos deles de Carballo. Os rapaces iamos ver os adestramentos e as carreiras, era moi emocionante ver voar aquelas máquinas.
Pasaron moitos anos ata que volvín a ter relación coas motos. Foi no taller no que eu traballaba. Alí había unha Derbi de 49cc., que só usabamos para facer recados por Carballo. Un día decidimos, Pepe da Brea e mais eu, facerlle unha posta a punto, pintala e rotulala; hoxe chámaselle tuneala. Pinteille o depósito de gasolina de cor vermella e rotuleille de branco a marca JAMAJA 750mc. e debaixo, con letras máis pequechas, MADE IN CARBALLO. E con ela xa iamos ao destino preferido da nosa xuventude, Santa Comba. Nos non iamos de botellón, nin sequera de garrafón; unhas cuncas de viño e unhas cervexas, e a bailar. Á nosa JAMAJA tiñámoslle que cambiar a buxía na Rabadeira e en Padreiro, era a campioa do mundo en máis cambio de buxías por Qm. lineal.
Campión do mundo en Moto 3 tamén é o CALVOteam, co seu piloto Maverik Viñales. A el e mais á súa compañeira de equipo, Ana Carrasco, fíxoselle unha homenaxe no concello de Carballo e na fábrica carballesa. Alí estiveron expostas as motos do neno e da nena; da muller e do home do CALVOteam. Tamén homes e mulleres compoñen o Grupo Calvo, que é campión no sector da alimentación.
Pois si! moitos de nós, encima da moto, facendo unha foto, sentímonos, por uns intres, campións do mundo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario