O Pindo de loito

  Dende que a fervenza do Xallas deixou de estar secuestrada, sempre que teño visitas, lévoas a ver a zona do Monte Pindo. Todos me din: "Que bonito!!, que vistas espectaculares!!, que rochas tan preciosas!! E eu sempre lles contesto: "O dedo  máxico de Deus aquí parouse un bo anaco". A verdade é que é unha zona impresionante.
  Fai uns días tiven uns curmáns de visita, e pedíronme que os levase ao Pindo. Eu díxenlles que estaba todo queimado e incluso ardendo, pero eles insistiron e leveinos. Antes de entrar na zona do desastre paramos no miradoiro que está baixando as Paxareiras. Unha vista magnífica da praia de Carnota. Pero mirabas á dereita e dende Caldebarcos, todo queimado. Víanse moitas chamas e moitas fumaredas. Baixamos á estrada principal, e todo estaba queimado, a un lado e ao outro. Caldebarcos, Panchés, Quilmas, O Pindo... Non había nin un gromo verde, soamente gromos grises e negros. Canto deberon sufrir os veciños, vendo como o produto da súa vida quedaba en cinzas!! Zona protexida, protexida de que?, de nevadas?, de xeadas?, de que lles toque a lotaría? Menos mal que non houbo desgrazas persoais!, que non ardeu ningunha casa!, que non ardeu a auga do Xallas!...
  Que desolación!! Todo queimado! Fomos ver a fervenza. Non dixemos nada. As nosas facianas estaban tristes, os nosos ollos chorosos... Subimos ao miradoiro do Ézaro e meu curmán, por fin, dixo unhas palabras: "A pesar de estar todo queimado, ardendo e fumegando, isto é precioso".
  Mirei para o Océano Atlántico. Estaba feito un mar de bágoas. Mirei cara o Monte Pindo e deume a impresión de que lle caían polas faceiras dúas bágoas. Dúas bágoas negras.


No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo