Non me dá medo o Meda!

  Non é un escultor grego da antigüidade, pero mirón, mirón, mirón... si que o é. Falo do pico Meda, que non parou de mirarnos nos vinte quilómetros de ruta. Ruta que fíxemos con Senda Nova, aló no concello de Zas.
  Escomenzamos no río Rabiñoso, na súa fervenza. Que cousa máis chusca, bonita e preciosa. Como pode a natureza facer tales cousas en tan pouco espazo e tan cerca de nós?
  Subimos á cima do pico Meda, non sen pouco esforzo, pois tivemos que salvar un desnivel de 200 metros en apenas dous quilómetros. Dende o cumio vimos as comarcas de Bergantiños, Soneira, Xallas,  Fisterra...Vimos o cabo Prior en Ferrolterra, Arteixo, Monte Neme, as Sisargas, Malpica, Corme e practicamente toda a Costa da Morte. E como non?, o Pindo, o Olimpo Celta. En definitiva, UNHAS VISTAS EXTRAORDINARIAS.
  Empezamos a baixar e alí no medio dos muíños de vento, atopamos un cabalo medio comesto polos lobos. Aquela paisaxe lembroume a Mancha, a Don Quixote, a Rocinante... e dixen: Se este cabalo fose Rocinante, pouca fartura habían coller os lobos". Seguimos camiñando e atopamos unha egua, encastrada entre a pendente e uns toxos enormes, coas patas cara arriba. Non podiamos deixar a aquel animal en poder dos lobos. Así que dous membros da comitiva, pai e filllo, descendentes de Don Pelayo, armados de galas, de pundonor, valor e dous bastóns, iso si, sen medo, pois o medo tíñao todo eu (tiña medo ás couzadas e dentadas que aquela besta desesperada puidese soltar), conseguiron poñela de lado e así que, coa axuda do pai, do fillo, do espírito santo e do espírito de supervivencia da egua, pensamos que todo remataría ben, seguimos a nosa ruta. Nunha parada un dos guías díxonos que o lobo non ataca ao ser humano, e houbo quen dixo: "E logo Caperucita Roja?" Escomenzamos a descender vertixinosamente. Dixen: "Aquí debe de haber un desnivel dun 30%". E Ainoa, unha compoñente do grupo dixo: "Aquí hai un 37,47 % de desnivel". Abrín a boca e non dixen nada, pois non fun capaz de cerrala, e dixo: "Seino porque achei a raíz cadrada deste valado e dividín entre 3,1416 e dame 37,47%". Vendo que ela era de Zas, e con moita experiencia na zona, dei por certa a súa información. Fixeime en Ainoa, e eu diría que ten 7 anos, aínda que ela xura e perxura que ten 8. Seguimos baixando, e atopamos un escáncer. Unha das fotógrafas oficiais pegou un chimpo de récord. Un chimpo e un berro, que estremeceu o meu oído dereito, pois do outro non oio. E estremeceu os ventrículos do meu corazón.
  Continuamos a ruta, e xa no val de Soneira comemos e despois fomos a un museo do fío. Alí explicáronnos o proceso de plantación ata quitar o fio. Un museo organizado e creado pola asociación de veciños Santiaguiño de Carreira, cuxos logros son a recuperación da cultura do fío, da rapa das bestas e a construcción dunha praia fluvial apiscinada. Carreira é unha parroquia do concello de Zas que non chega aos 200 veciños. Fai uns anos que a antropóloga Sharon Roseman, do Canadá, despois de vivir un tempo en Carreira, fixo a súa tese doutoral baseada nesta asociación e escribiu un libro sobre dela.
  Alí na porta do museo, vimos unha tampa dun sarcófago suevo do século VI. Alguén dixo: "Ten unha esquina rota". E alguén, tamén dixo: "Non está rota, é o burato para respirar o morto". Eu preguntei pola base do sarcófago e dixéronme: "Está nun cortello, facendo de maseira para os cochos".
 Chegamos ao Pazo de Follente e alí fixemos a cerimonia final, agradecendo aos concellos colaboradores, a  protección civil de Carballo, aos organizadores e a Evaristo Domínguez Rial e a todos os participantes.
  Cansos, extenuados e esgotados fomos cara o autobús. Cando vin ao condutor, lembreime dun conto do bergantiñán de adopción Carlos Díaz O Xestal. Un gran contador de contos. Un gran contador de historias. O conto que non é unha historia, era máis ou menos así: "Un mozo, por non ir a facer o servizo militar, finxiu ser cego. Cooulle, o capitán-médico firmoulle a licencia por cego. Un día o mozo foi ao cine, e o capitán-médico tamén. O millitar viu ao mozo e díxolle: "Que fas no cine, se ti es cego?" E o mozo contestou : "E logo, este non é o autobús que vai para Carballo?"
  E así  pregunteille ao condutor: "É este o autobús que vai para Carballo?"

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo