O son do Anllóns foi a última ruta de sendeirismo organizada por Senda Nova. A ela fun. O traxecto era dende Carballo ata Corcoesto, preto da tan polémica mina de ouro, pasando por Sísamo, Goiáns, Verdes, Xornes. Un traxecto fermosísimo, con remansos, rápidos, meandros, canóns... 21 quilómetros, todos a pé, e algún que outro metro de cu, pois foron moitas as cuadas, polo esvaradío do terreo, tal era a cantidade de lama! Chámolle a ruta das mil e unha lameiras. Houbo tramos intransitables, pero os sendeiros e camiños eran moi doados, doados para as cabras. Como di a canción de Juan Manuel Serrat e a poesía de Antonio Machado: "Caminante no hay camino, se hace camino al andar", camiños que foron facendo o corpo de enxeñeiros de Proteccón Civil de Carballo. En resumo, unha ruta épica e heroica.
Desintonizas completamente, queimas bilirrubina, non miras o reloxo en toda a ruta, esquéceste da crise, das preferentes, dos desafiuzamentos, da cuñada de risco...; en definitiva, de todo menos do ben que o estás pasando. Eu cando era pequeno, camiñando pola beira do Anllóns, acompañado pola miña avoa a ver a outra avoa, que vivía en Sísamo, esvarei e caín no río. A miña avoa agarroume por un pé, cando xa tiña a cabeza dentro da auga. Non vos estrañedes que lle teña tanto respecto, máis ben medo, á auga. De feito dúchome cun flotador. Pódese dicir que, como Moisés, fun rescatado do río e tamén se pode dicir que eu son do Anllóns. Eu son do Anllóns, de aí o título desta historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario