Atopouse un home cun amigo, apoucado e tristón e preguntoulle: "Véxote mal, meu amigo! Tes problemas?" Ao que o amigo repuxo: "Teño, ho! E que quero matar a muller, pero non quero ir para a cadea, e non vexo a maneira!" "Telo moi doado, ho! Faille o amor sete veces ao día durante un mes e xa verás como non falla".
E así o fixo. Un día cando chegou de traballar canso e derreado, xa non podía coa alma, de xeonllos, agarrado ao pasamáns, e nisto que escoita á súa dona limpando e cantando: "POR EL CAMINO VERDE, CAMINO VERDE QUE VA A LA ERMITA...! E el: "Canta, canta que se soubeses que che queda unha semana de vida, non habías cantar tanto". E ela: "CAMINO, CAMINO VERDEEEE..."
Camiño verde, camiño ecolóxico, camiño en plena natureza, sen contaminacións... Foi a ruta de sendeirismo que fixeron unhas sesenta persoas, organizada por Senda Nova, aló polos camiños de Aldemunde.
A ruta empezou no concello de Cerceda. Nese grupo de xente ía Gumersindo da Rachola, pois sempre lle chamou a atención a Ribeira da Pena. Chámanlle así ao bosque polo que trascorre o río Abeleira, que cambia de nome segundo por onde pasa (Carral, Bardoso, Rosende). O río Abeleira separa os concellos de Cerceda e Carballo. Para baixar ao seu leito hai 100 metros de desnivel. Os guías foron explicando. Ao principio do descenso había bosques de eucalipto, un dos guías explicou que os eucaliptos non é que estragen todo ao seu redor polas raíces, senón polas follas que caen, que teñen moito alcohol. Gumersindo levantou a man e preguntou: "E por iso que lle chaman alcolitros?" Contestoulle o guía: "Boa observación, pero non é por iso". Chegaron ao leito, alí xa non había eucaliptos, xa era flora autóctona, bidueiros, carballos, castiñeiros, abeleiras... O estraño destas árbores e que non medran ao ancho, senón ao alto buscando a luz do sol, pois tal é a frondosidade e as ladeiras tan altas. Alí tiveron que cruzar o río por pedras e pólas agarrados a unha corda. Gumersindo non é home de moitas agallas, pero ao ver que nenos de dez anos o cruzaban, pois non lle quedou máis remedio. Cruzaron o río por pontes artesanais, feitas para a ocasión, unhas cantas veces. Gumersindo nunca fora a Carballo tantas veces en tan pouco tempo. Subiron por unha pendente con moito desnivel ata chegar ás primeiras casas de Aldemunde. Viron un muíño de auga en funcionamento, e alí había unha peza dun muíño castrexo.
Chegou a hora de xantar e como chovía metéronse no palco da música, quitaron cada un a súa frauta, que eran de xamón, chourizo con queixo, xamón cocido e vexetal. Os nenos correndo, trincando e brincando bajo la lluvia ao son das trincadas da improvisada orquestra.
Acabada a comida, subiron a ver o castro de Aldemunde e despois colleron unha pista, que debía ser unha máquina do tempo, pois algún dos nenos deulle ao botón e retrotraéronse no tempo, ata o neolítico, ata o dolmen da Pedra Moura. Alí, despois das explicacións dos guías, sacaron a foto de rigor. Foto que foi publicada na Voz de Galicia. Non busquedes a Gumer, pois non está. El foi o que fixo a foto.
A Gumersindo gustoulle moito a ruta e iso que dixo: "Una vez y nada más, decía Santo Tomás", pero sei de boa tinta que xa se anotou para a vindeira ruta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario