Unha marabillosidade!

  Gumersindo da Rachola é moito de falar galego. Por iso cando quere saír a dar unha volta, vai a Portugal. Ao home non lle gusta tropezar co castelán. O  outro día viu un anuncio na Internet. Era un concerto de María do Ceo na Casa Grande do Bachao, despois dunha cea galaico-portuguesa, e anotouse.
 A Casa Grande do Bachao está nos montes Bachao, por onde pasa o río Tambre, na estrada de Carballo a Santiago e despois de Portomouro e moi pretiño de Santiago, na parroquia de Santa Cristina de Fecha.
 Alí chegou bastante cedo e foi ata o río. A pesar de que o río está a poucos metros do pazo, tivo que andar por camiños e sendeiros sinuosos e zigzagueantes uns 50 minutos, tal é o desnivel, un verdadeiro canón! Os canóns do Sil en pequeno, diría eu. Así que chegou ao carón do río, acompañouno un par de quilómetros. Que  paz!, que sosego! Acompañando ao río naquel tramo, naquel remanso. Que remanso de paz! Gúmer tiña medo de que se lle fixese de noite, voltou sobre dos seus pasos e despediuse do Tambre. E o río contestou virando a cabeza e saudando coa man. Non se decatou de que alí había unhas rochas e pedras e bateu contra elas e o Tambre marchou río abaixo dicindo e murmurando: "MECAGHINAQUEHOSTIAZOMEPEGUEI!MECAGHINAQUEHOSTIAZOMEPEGUEI!MECAGHINAQUEHOSTIAZOMEPEGUEI!...
  Total que chegou ao pazo e aínda quedaba moito tempo para a cea e dixo: "Vou  xogar ao billar". E alí na Santa Cristina de Fecha atopouse cun anxo, que ben puidera ser unha santa, ata se chamaba Cristina! Pero de santa nada, xogando ao billar facía moitas trampas. Gumersindo díxolle:
  - Ti fas trampas!
  - É que eu quero gañar!
  - Pois non sempre se gaña. Tes que aprender a perder.
  - É que eu non quero aprender a perder, e ademais eu só son unha nena de 11 anos.
  - Perdoa! Eu pensei que tiñas 12!
  A cea, unha marabilla. O camareiro preguntoulle:
  - Que tal a cea?
  - Todo moi  bo. De feito vouna  levar para a casa (na barriga).
    Gúmer díxome:
  - É verdade que lo bueno, si breve dos veces bueno! Pero eu non estou de acordo, eu sería  e son máis partidario de lo bueno, si doble dos veces bueno.
   A verdade é que Gumersindo da Rachola é de moita comida. É como aquel de terra adentro, que nunca comera peixe e un día foi a un porto de mar, entrou nun restaurante e dixo:
  - Son novato en temas de peixe e déixome aconsellar.
  - De primeiro recoméndolle unhas angulas.
  - Pois tráiame dúas ou tres.
  - Mire que son moi...
  - Trainas sen medo que eu son de moita comida.
  - Pero é que...
  - Que non te preocupes, que eu son de moita comida. Trainas.
  O camareiro, así que viu que o señor xa acabara as angulas, díxolle:
  - De segundo suxírolle uns sargos á grella, que están moi bos.
  - Pois tráeme douscentos ou trescentos.
  E chegou a hora do concerto. Púxose a cantar a que non é deste planeta, pois é do ceo, cantou en portugués, en galego e en castelán. Unha marabilla. Viña acompañada polo seu home á guitarra, polo seu fillo ao laúde e polo inmenso coro de espectadores.
  Gumersindo quixo saír a cantar con ela, pero tívolle medo ao enfado da cantadora de fados. En resumo, un día inesquecible. Unha marabillosidade!!!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo