A mediados de decembro do ano 2012 foron uns amigos coas súas parellas a unha cea-baile, a unha aldea alá en Malpica. Unha cea-baile celebrada nun salón-comedor extraordinario, grande, eu diría imperial! Degustaron unha cea que non estaba aló moi quente. Aínda así, Gumersindo da Rachola e a súa dona pasárono moi ben, pois bailaron toda a noite ao son da orquestra. As outras parellas só gozaron da primeira parte do programa; só cearon!
O día da fin do mundo, prognosticado polos Maias, o 21 de decembro, Gumersindo da Rachola voltou coa súa parella e co seu amigo Barca e a súa dona. Gúmer advertiulle a Barca da friaxe da cea anterior. E advertiu que enriba deles había unha lámpada. Veulle a idea de frotala, pero estaba moi alta. Había unha candea na mesa e frotouna, de súpeto apareceu un xenio en forma de camareiro. Pediulle un desexo: "Quero que a cea veña quente". Todo unha marabilla: langostinos quentes e boísimos, costeleta quente e saborosísima e patacas tamén quentes e recén feitas. A torta xeada viña como tiña que vir: fría! A verdade é que o xenio non era gilipollas coma o do conto. Cóntovolo: Estaba un home pescando, coa cana, no mar. Pasou por alí un coñecido e este díxolle:
- Hostia! que boya máis grande tes!
- A verdade é que é moi útil, pois non teño que saltar para ver onde está a boya detrás das ondas.
- Onde a mercaches?
- Non a merquei: ía o outro día andando pola praia e atopei unha lámpada coma a da Aladino, froteina e saíume un xenio e este díxome: "Concédoche un desexo, só un, pois estamos de recortes".
- Podíasme deixar a min a lámpada máxica?
E así foi, deixoulla. Pasaron uns días e o amigo díxolle:
- Vaia merda de xenio, pedinlle que ao chegar á casa tivese o meu cuarto cheo de pelas, e tíñaa chea de velas!
- A ti que che parece, que eu lle pedín a boya máis grande do mundo?
Ás doce da noite despediron o mundo con doce sorbos de cervexa e déronlle a benvida ao novo mundo con outros doce sorbos da mesma cervexa. Días despois, nun programa de fin de ano dunha cadea de televisión, un tal Sobera brindou coa mesma cervexa. Non podo dicir que a cervexa era unha rubia da Coruña. E despois empezou a soar a orquestra Los Satélites. As primeiras en saír a bailar foron unhas rapazas e díxo Gumersindo: "Que bonita é a xuventude!" E contestoulle Barca: "Sobre todo a feminina!" Bailaron toda a noite e pasárono moi ben.
O vello mundo de Gúmer durou 53 anos e espera que o novo dure outros tantos e que todos o vexades. Na vindeira fin do mundo voltarán á aldea alá en Malpica e antes moitas veces.
No hay comentarios:
Publicar un comentario