Di Josemi Rodríguez Sieiro que a lotaría ou un grande premio do azar toca unha vez por famillia en non sei cantas xeracións.
Cando eu tiña 7 anos, cubrín a miña primeira quiniela, dado que miña nai enganouse cubríndoa e díxome que cubrira eu outra. Unha de catorce quitei: 68.000 pesetas, que aló polo ano 1967 eran bastantes cartos! Tivemos que ir cobrala á Coruña, á rúa Santo Andrés. Meus pais e mais eu cando iamos á Coruña sempre comiamos nun restaurante. E aquel día ao cobrar semellante premio, contaba de ir comer as miñas patacas fritidas con carne estofada. Cal foi a miña sorpresa cando comemos un bocadillo, menos mal que era de xamón. Queixeime e meu pai díxome: "Non ves que se nos ven entrar ou saír dun restaurante vanse decatar que temos moitos cartos". Eu non entendía nada. Que pouco premio para tan grande premio. Polo menos mercáronme un tebeo do Capitán Trueno. Cantas veces o lin! Aínda me lembro hoxe del. E para desdicir a Josemi, eu seguín e sigo a xogar.
Pasaron os anos, coincidín co meu amigo Barca en Italia. Eu tiña un sistema de combinacións para xogar á quiniela. Xogabas con moitas triplas e dobres a base de combinacións (saía moito máis barato), só que non tiñas o 100% de posibilidades de ter unha de 14, pero tiñas unha de 13 e non sei cantas de 12. Cubrímola coa intuición, a moral e a sorte que sempre tiña Barca, pois era un gran xogador! A todo lle daba. Xogar con el dábache a moral suficiente para gañar, e moitas veces gañabamos. Aquela primeira quiniela con aquel sistema saíunos unha de 14. Sabiamos que o 13 tiñámolo seguro. Mireinas todas, e tiñamos a de 14. Soñamos que xa eramos millonarios. E coma nós, pensaron moitísimos acertantes. Como son as cousas da vida volveu a tocar 68.000, pero desta vez non foron pesetas, foron liras, que traducido a pesetas eran 6.800. Que decepción!!
Eu non che creo moito na sorte, nin nas lotarías. Xogo por inercia ao cupón de cegos todas as semanas. Dúas ou tres veces durante todo o ano tócame a devolución. A lotaría de Nadal ten 100.000 números como o cupón, pero a ilusión aumenta neste sorteo, e paga a pena. Iso si, a ilusión sae moi cara!
Este ano coincidín outra vez co meu amigo Barca e díxome: "Sei dun sitio aló en Vimianzo onde venden a terminación 59, vamos mercala!" O 59 é o ano do noso nacemento e fomos a Vimianzo mercar o décimo. "Vainos tocar, xa verás, confía en min, vai ser o noso ano...", díxome. A verdade é que andamos cerca, moi cerca: a terminación do primeiro premio foi o 58 e a do segundo premio foi o 60.
Hoxe é o día seguinte da lotaría de Nadal e ven sendo o día da saúde: "O importante é ter saúde". Déixovos que teño cita co especialista en mala sorte, o malasuertólogo e de paso voulle facer unha visita ao meu amigo Barca que está ingresado no hospital por unha crise postlotariana.
Boas festas e bo ano!
Boas festas e bo ano!
No hay comentarios:
Publicar un comentario