Unha de orquestras





  Estaba eu xogando no xardín e miña nai sentada nun banco. Era San Xoán, e estaban soando Los Tamara, e un mozo veu  sacar a bailar a miña nai. Eu dixen a palabra máxica e o mozo desapareceu por arte de maxia: "Mamá". Meu pai fora mercarme un xeado, e acabábao de ver na taberna, onde daquela non había xeados, por iso chamei a miña nai, para chivarme. Ao final o meu pai troúxome un chupa.

  Naqueles tempos Los Tamara versionaban a cantantes europeos, que traducían ao castelán (era obrigatorio). Eu daquela pensaba que eran orixinais deles. Co tempo souben que eran de Charles Aznavour, Jimmy Fontana, Gino Paoli... Ten dito Charles Aznavour que un cantante galego, que actuaba no Olimpia de París, cantaba moito mellor ca el as súas cancións. Ese cantante era Pucho Boedo, a Voz de Galicia. Máis tarde empezaron a gravar cancións en galego: Galicia terra nosa, Morriña... Musicaron poesía dos grandes poetas galegos. E tamén cancións modernas: Estoy de Rodríguez, Gibraltareña, Curva peligrosa e sobre todo A Santiago voy, a súa canción máis emblemática.

  Eu daquela a única música que escoitaba era a das verbenas e a da Radio Nacional, e cando poñían Galicia terra nosa, víñanme as bágoas aos ollos. Tal era o meu orgullo de sentir falar galego e de Galicia.

  Cando tiven o meu primeiro casete, coleccionei todas as cintas que ían saíndo dos Tamara e demais orquestras galegas (Los Trobadores, Los Satélites, Os Breogáns...). As cintas fóronse raiando, rompendo e perdéndose. Agora de vello deúseme por recuperar a miña xuventude, nada de cremiñas milagreiras, senón música dos meus tempos de carroza! Conseguín de Los Tamara e de Los Satélites practicamente todo. A través de discos de vinilo e cintas vellas que me foron deixando. Paseinas a CD. A de Los Tamara que contiña as cumbias, as pachangas..., mandouma un admirador deles, dende Gijón, vía correo. Cando abrín o paquete e me atopei cun cartucho grande como unha cinta de vídeo, dixen: "E como fago para reproducila?" Preguntei por ese aparato, pero ninguén se lembraba dese sistema de reprodución. Houbo poucas unidades porque a cinta pequena acabou con el. Un día falando cun amigo, conteillo e díxome: "Teno o meu pai, ou non sabes que meu pai é coleccionista de radios antigas, magnetofóns, gramolas...? E si, Evaristo do Ferreiro, que vive cerca da miña casa, tiña ese aparello. E como non!, deixoumo e pasei as cancións a unha cinta pequena a través duns cables e da cinta ao ordenador. Agora podo presumir e presumo de ter case que toda aquela música. Fáltame algo de Los Satélites e de Los Trobadores, pero xa estou en contacto con Sito Sedes (ex cantante dos Satélites) a ver se mas consegue! Galicia sempre tivo grandes orquestras, pois estiveron grandes tempadas en Sudamérica e trouxeron ritmos novos. Foron grandes innovadores.
  Lémbrome, cando estivo de moda a canción de Rubén Blades, Pedro Navajas, que a orquestra Platería fixo unha versión que tivo moito éxito; a Televisión Española chamábaos con frecuencia, pero o seu repertorio era moi pequeno. Así que se fixaron nas orquestras galegas e Los Satélites actuaron no programa Aplauso moitas veces.


  E na actualidade seguimos a ter as mellores orquestras de España. Contamos coa Olimpus, a París de Noia, Filadelfia e como non!, coa Panorama. Son orquestras espectáculo. Este ano fun ver a Panorama a Sofán, un luns; ao outro día tiña que ir traballar. Tiñan prevista a actuación ás 12 da noite. Un despregue formidable, 5 camións e un autobús. Cando cheguei a diante do palco dixen: "De cantas pulgadas será?" Informeime e dixéronme 28 metros de ancho por 16 de alto. Aquilo parecía un circo, un teatro, con trapecistas, saltimbanquis, magos... Non é unha orquestra para bailar. Imposible con tanta xente, dixo Lito o da Panorama que seriamos 5000 persoas, e efectivamente eu contei as pernas e dividín entre dous e así me deu. É unha orquestra para mirar e gozar sentado nunha butaca cómoda. Xa dixen que a actuación era para as 12 e á 1,15 aínda non empezara. Un sobriño meu dixo: "Que lle dean polo cu á Panorama". E eu comentei: "Pois imos ter que ir para atrás do palco!" Á 1,30 por fin empezou o espectáculo. Cando fun para a casa dábanme cambras por todas as partes do meu corpo. Canto botei de menos aquel banco no xardín de Carballo escoitando a Los Tamara!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo