De viños co meu curmán

  O outro día entrei na farmacia e sorprendín ao meu curmán Xoán pagando unha caixa de viagra. Quíxoa gardar no peto, pero decatouse de que eu me decatara, así que me dixo: "Teño o vídeo porno, e agora coa viagra malo será que o 21 de outubro non consiga unha erección, pois vai  haber ereccións". Eu, sorprendido, díxenlle: "Estás enganado Xoán, o que vai  haber son eleccións!" Ao que el: "Aí van 60 euros no ..., e iso que eran para o ...!"
  Eu entrara na farmacia coa man esquerda no meu peito dereito, pois tiña un punto de gases e quería mercar algo para alivialos. E díxome Xoán: "Seica che doe o corazón?" "Non ho! O corazón témolo na esquerda", e el, sorprendido: "Os zurdos tamén?". O meu curmán Xoán sempre vacilando e como eu tamén adoezo diso, pois iso, estámonos vacilando mutuamente e partímonos coa risa.
  Despois desta aclaración sigo coa historia, que non é historia, é unha xuntanza de anécdotas dunha tarde de viños. E dixen: "Veño do enterro de Che do Lelo, que Deus o teña no ceo". Ao que Xoán: "Pois eu non me enterei". "Xa sei que non te enterraches e para celebrar que non nos enterramos, nin nos enteramos de nada, convídote a un viño". "Gústame a idea, pero cambiamos de taberna, pois o viño de aquí non  me gusta moito".



  Pedimos uns albariños (alvaritos, chamaríalle Paco Vázquez) e falamos un pouco de todo. Pregunteille: "Que tal de vacacións?" "Non moita cousa, a crise non che deixa moitas alternativas, xa bo é que estiven nun cruceiro. No cruceiro da Igrexa, vendo a Panorama". "Pois eu funche de voda. Unha voda civil, na que a torta en vez de ser nupcial, era municipal, pois o crego, que non era crego, era concelleira do concello". "Xa ves como nos vai a vida: soben o IVE, soben o IVE da cultura un 13%, ata o 23%". E el: "É normal, o que queren os do PP é que nos acerquemos ao seu nivel cultural. Defenden a igualdade. E tamén Feijoo promete menos austeridade e máis crecemento, e non nos van tocar as pensións, os inmigrantes censados seguirán a ter cobertura sanitaria, temos grandes negocios con PMEX". E eu deille a razón: "E todo isto, polo menos ata o 21 de outubro, día das eleccións". Ao que Xoán, con cara de circunstancias, de nada afagosa, de nada convencido, díxome: "Sabes que eu tamén estou moi triste?" "Pois ánimo, non ten por que gañar o PP. Imos ter un goberno pentapartito". "Xa ho!, e imos  ter aos de Esquerda Unida asaltando Froizes, Gadis, Claudios... e facendo pic-nic en Casas Novas". "Veña! tomamos outro viño, que está moi bo". "Iso! Que o bo se dobre, dúas veces bo!"

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo