Caen as follas das árbores, caen as follas do calendario e a crise segue medrando. O outono e o tempo non son capaces de eliminala, agroma no medio das follas! Tempo de eleccións nas tres comunidades históricas. En Galicia non temos recendos de asfalto, pois non hai obras públicas. A vía rápida da Costa da Morte leva tres meses paralizada, pero Feijoo promete reanudar as obras despois das eleccións. A autovía Carballo-A Coruña, que fai uns anos que é autoestrada, máis ben burroestrada, diría eu, ten o prezo conxelado no tramo Arteixo-A Coruña, pero o tramo Carballo-Arteixo está a baño-maría. É unha autoestrada na que nin sequera as cicloxéneses esas son capaces de pasar de 100 K/h. E agora bombardéanos a pedradas, pero Feijoo xa dixo que non voltaría a caer outra pedra, polo menos no tramo Carballo-A Laracha. Feijoo véndenos os contratos con Pmex e os coches eléctricos. Non nos sairá moi cara a ficha co cara que vai a corrente?
Rajoy e Rubalcaba vólcanse en Galicia, pois no País Vasco non teñen nada que facer. E en Cataluña ameazan con ser indepiercings, pero van de farol. A rivalidade Barça-Madrid une máis a España có sistema democrático, cós partidos políticos e que ningunha outra institución.
Os políticos só pensan no máis inmediato. No voto. Que se senten, dialoguen, pacten... e solucionen dunha vez os grandes problemas que nos acucian, que senón eu, non é que me absteña, vou votar, pois é o meu dereito, é a miña obriga, pero non vou votar por ningún partido, nin sequera en branco. Vou votar en negro!
No hay comentarios:
Publicar un comentario