Xogos olímpicos

  Cando se celebraron os xogos olímpicos de Munich, nós, os do noso barrio, tamén fixemos os nosos. Todas as disciplinas e modalidades desenvolvéronse na nosa corredoira, que era o noso estadio olímpico. As disciplinas eran: velocidade, que era corredoira abaixo; maratón, que era corredoira abaixo e corredoira arriba; lanzamento de xabalina, cunha vara; lanzamento de peso cun cantarolo de dous ou tres quilos; salto de lonxitude, xa sabedes como. Tiñamos por equipos, ademais do fútbol, balonmán... o hóckey sobre zapatos, os sticks eran cadolos das verzas, con forma de stick e unha pelota verde de Gorila (os zapatos Gorila traían unha pelota de agasallo). Tamén había disciplinas femininas: salto da corda, a mariola, o brilé e o salto da goma (que habilidade para enganchar a goma a altura do pescozo dunha compañeira e coidando que non se lle vise a braguiña, pois levaban faldra).
  Os premios eran medallas, medallas de cascas de piñeiro, que nós mesmos faciamos e tallabamos cunha navalla (eran verdadeiras obras de arte). Os buracos faciámolos cunha punta e despois introduciamos o cordel de atar os chourizos. Había medallas grandes, medianas e pequenas (ouro, prata e bronce). Pasabámolo moi ben. Este ano é ano de xogos olímpicos. España fíxoo bastante ben, as medallas que temos son practicamente de mulleres, e moitas delas en modalidades acuáticas (nótase que estamos coa auga ao pescozo). Témolas de todas as cores. Vaia, temos unha que non é de ouro, nin de prata, nin de bronce, é de lata, de lata oxidada, acadada por Angelina García Riesgo, que é afillada da Merkel, e que tamén é prima do meu primo Riesgo. Gañouna na modalidade de Puntosbásicos ao acadar 670 puntos.
  Non só coñezo a prima do meu primo, tamén coñezo a un campión olímpico daqueles xogos olímpicos de Munich, de salto de trampolín, Pepe Piscinas, un gran conquistador. Cóntase que nunha discoteca coñeceu a unha loira guapísima, sacouna a bailar e espetoulle: "Queres casar comigo? "Toleaches!, se nin sequera nos coñecemos!" "Mellor!, xa nos iremos coñecendo, así é moito máis emocionante". Estrela Lanuit díxolle que si. Foron de Lúa de mel a un hotel de cinco estrelas que, con ela, era de seis. Na piscina, Pepe fixo un salto dende o máis alto do trampolín, con triple salto mortal e entrando na auga en tirarrollas. Estrela toda sorprendida dixo: "Que marabilla!" "É que fun campión olímpico de salto de trampolín! Xa che dixen que nos iriamos coñecendo pouco a pouco". De alí a un pouco ela lanzouse na piscina e fixo dez largos en dous minutos e el estrañado: "Campioa olímpica de natación?" "Non ho!, prostituta a domicilio en Venecia".
  Este día, cando só tiñamos un par de medallas, falando co meu curmán Xoán dos xogos olimpícos, díxenlle: "Que poucas medallas!" E el: "Xa temos as copas, para que queres as medallas?" E eu: "Para encher as copas!"
  A verdade é que estimulei aos olímpicos. Abofé que enchemos as copas!


No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo