Concerto con certo... Carlos

  Esta pasada fin de semana empezou o outono. Unha boa maneira de empezalo en Carballo foi indo ao concerto de risas, sorrisos e risadas do actor-cómico Carlos Blanco celebrado nunha cervexaría da capital de Irlanda, quero dicir nunha cervexaría da capital de Bergantiños. Vaia as risas, sorrisos e risadas puxémolas nós, o público. Un público moi preparado, pois estabamos ao día de todo, para collerlle as gracias a Carlos. El dirixiunos coa bubucela, pois un dos temas foi o mundial de Sudáfrica, coa gaitiña galega, coa súa lingua, xestos, chistes, anécdotas, historias, contos e cantos.


  Non estivemos un segundo sen un sorriso, nin un minuto sen un riso, nin cinco minutos sen unha risada. E así durante unha hora e media, que co bis foron dúas horas. Nese tempo esquecémonos da crise, dos políticos, dos programas lixo da tele. Vaia, de todo non, pois el lembrábaos de cando en vez, pero nos riámonos de todos eses problemas.
  Nun punto da actuación nomeou ao seu irmán Alberto para contar unha anécdota no Campus de baloncesto, en Vilagarcía, e eu lembreime de que falei por teléfono con Alberto Blanco, para inscribir ao meu fillo. Acabado o Campus, o meu fillo díxome que vira a Carlos Blanco co seu fillo Lois na Fontecarmoa. E eu, uns días despois, escoitei na radio galega que Alberto era irmán de Carlos Blanco e que era o máximo responsable de todas as seleccións de baloncesto de Mozambique. Fixéronlle unha entrevista e lémbrome de que lle preguntaron se vira algún galego en Mozambique e el contestou: "Non, levo pouco tempo e aínda non vin ningún galego. O que si vin foi atún Calvo nun supermercado". Sería un bo colofón do concerto que Carlos soubera desta anécdota e a contara en Carballo.
  Facer rir non é doado. É moito máis difícil que facer chorar. E nós choramos coa risa, que é moito mellor e máis doado que rir da chora.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo