Unha de flatulencias

  Non falo galego para que se note que son galego. Aínda que falase castelán tamén se notaría. Falo galego porque é un tesouro que temos e debémolo coidar e mimar como tal. Eu son de contar historias das miñas reflexións e hoxe non ía ser menos. Esta historia ten que ver coa riqueza léxica do idioma galego. É unha historia que, por certo, me contou Cándido Pazó, que en castelán non tería nin a metade de gracia. “Pedro das Galliñas vivía no Outón, aló na alta de Rus. Todos os anos polo San Xoán baixaba a Carballo a tomar unha fartada de churros, que eran a súa debilidade. Aquel ano, como os outros, comprou tres quilos de churros, pero caeron unhas gotas de choiva e molláronselle. Non por iso deixou de comelos, aínda mollados lle gustaban! Todos sabedes que os churros mollados fermentan na barriga de maneira impresionante e Pedro notou que a flatulencia que el tiña quería saír, pero miraba para un lado e vía xente, miraba para o outro e máis xente, miraba para diante e xente coñecida, miraba para atrás, uns amigos. Non lle quedaba outra que aguantar pero, aínda así, seguía comendo nos churros. A xente non ía a menos e a barriga ía a máis.   Pedro non quería pasar vergoña, pero non vía como facer. Nisto que se lle abriu o ceo, máis ben cerróuselle cunhas nubes negras e viuse un lóstrego e de alí a pouco soou o correspondente trono. E dixo: "Esta é a miña". Esperou o seguinte lóstrego e contou: ”Un, dous, tres, catro, cinco” e veu o trono. Volveu a esperar outro lóstrego e volveu a contar ata o correspondente ruído, tamén cinco. Pensou: ”Vou  comprobar outra vez, por se é o caso”. E, efectivamente, coincidiulle tamén en cinco, así que  dixo: ”A próxima vez sóltoo, xa non aguanto máis”. Veu o lóstrego, contou ata cinco e soltouno. Pobre Pedro do Outón! Aquel trono debeu ser moito máis lonxe, que non se oíu, só se oíu, só se sentiu o seu tremendo peido, o seu tremendo peidazo. Dicíalle un: ”Mira que es animal, Pedro”. Dicía outro: "Quen foi?” “Foi Pedro das Galiñas”. Pedro marchou do xardín cara a rúa Desiderio Varela e diante da de San Ramón estaban dous falando: ”Rebentaría algunha bombona en algures?” “Non, ho! Disque foi un peidazo de Pedro das Galiñas, non sabes?, o do Outón”. Seguiu correndo e chegou a diante da Caixa de Aforros e tamén estaban a falar: ”Acabo de falar por teléfono co meu cuñado, que está en Malpica, e preguntoume se oíra a explosión, e xa lle dixen que fora un peidazo de Pedro das Galiñas”. Pedro, todo avergoñado, colleu o primeiro trole e foise para a Coruña e alí colleu o primeiro barco para América. Pasaron trinta anos e Pedro fixera fortuna nas Américas. Moitas veces veulle a gana de voltar á súa terra, pero tiña medo de que a xente non esquecera o seu tremendo peidazo. Un día decidiuse. Chegou á Coruña, e foi para a estación de troles, pero xa non existía tal estación. Así que colleu un taxi e chegou ao Outón, preguntou pola súa nai e dixéronlle que morrera. Foi ao cemiterio e buscando a lápida da súa nai atopou a de Chucho da Jillerma e poñía JESUS ANTELO RODRIGUEZ muerto el 24 de Julio del año 20 después del Gran Pedo. Mirou máis lápidas e todas facían referencia ao seu gran peido. Colleu o taxi, colleu o barco e endexamais voltou ao Outón. Decatádevos de que a verba PEIDO ten a normal grandeza, a normal expresión, a normal definición dunha cousa tan natural. En cambio en castelán Pedo é coma que non é, coma se se avergoñaran de dicilo. Nós, se o peido é enorme, dicimos Peidazo e en castelán, que din? Din Pedazo, pero pedazo de que? Porque un pedazo de pedo nin siquera é un pedo. Falo galego, son galego e presumo de falalo e de selo porque galego presumido vale por dous!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo