Hai uns días fomos ao Pazo da Cultura de Carballo á inauguración da exposición de creadores de Carballo chamada A Beleza.
Fomos invitados por Milagros Cotelo Rama, unha artista minusválida, que só move un pouco as mans o suficiente para facer verdadeiras obras de arte. Se ides a exposición o seu cadro é Xestos.
Despois dos discursos estiven a falar con Milagros e falando con ela achegóusenos Gema Paz, a eterna mestra de ximnasia do Instituto Alfredo Brañas dende a súa inauguración. Estivemos lembrando a alumnos, mestres e algunha que outra anécdota daqueles primeiros anos. Non dubidei en contarlle esta: "Estabamos na clase no último andar. Suso Maquinaria estaba sentado a carón da ventá, diante. Atrás estaban Borrazás e Calvete tirando pola ventá camisetas de ximnasia doutros compañeiros. Suso Maquinaria mirou para fóra e dixo: "Hostia, unha camiseta do Madrid, ha,ha, ha...!" De alí a pouco: "Outra camiseta do Madrid voando, ha,ha,ha,...!" E de alí a nada: "Hostia, unha camiseta do Barcelona, ha, ha,ha,..!" Antes de que a camiseta chegara ao tocadiscos de Gema, Suso decatouse de que el era o único do Barcelona da clase. Gema estaba coas nenas ensaiando muiñeiras para a festa de fin de curso e a camiseta liouse co vinilo. A camiseta foi arrestada de por vida e tivemos que comprarlle outra camiseta a Suso. Comprámoslla do Deportivo.
Gema, fixándose na miña dona e en min, dixo: "Vós xa erades parella daquela, quere dicir que o Instituto vos uniu". Eu contesteille: "Non, non e non, eu non fun ao instituto estudar, eu fun ao instituto coñecer á miña dona".
Xa coa confianza collida a Gema atrevinme a dicirlle: "Gema! Milagros será unha das poucas de Carballo que non foi túa alumna". Non pensedes que é unha broma de mal gusto, pois se coñecedes a Milagros saberedes que aínda non parou de rir, e roubar risos e sorrisos é a miña debilidade.
E así entre anécdotas fomos vendo a exposición. Non me pidades opinión, pois non che son crítico de Arte, e nin sequera son de Artes, pois vivo en Sofán. Só se me ocorre un apunte: A Beleza non para!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario