Entre que non se pode fumar nos bares e o ministro Sebastián di que con non tomar un café ao día xa se soluciona a suba da luz, pois iso, no meu chan non entra nin un can.
O outro día paseando co meu fillo pola miña vila, decateime do porqué da enormidade das beirarrúas do Plan E. Son para a xente que pide esmola (cada día hai máis) e mais para os fumadores. Pero aínda queda espazo. Non me estrañaría que quitaran unha lei en contra de comer colesterol nos bares e nos restaurantes. Que teñamos que comer os bocadillos de tortilla e de chourizo tamén nas beirarrúas. Despois destes razoamentos, o meu fillo díxome: "Que fan estes señores botando fume na beirarrúa? Están cabreados?" E eu contesteille: "Non meu rei, agora é moito máis san fumar fóra". E el: "Eu cando sexa grande, tamén quero fumar fóra, papi, pois é máis san". E eu anonadado díxenlle: "A ver se chegamos a grandes, meu rei!, porque a hostalería non dá". Ao que me dixo: "Papi, por que non fas unha fábrica de beirarrúas enormes, de cinceiros para o exterior e de estufas tamén para o exterior?" E eu contesteille abraiado: "Se chegas a grande, non te metas a político, pois non triunfarías". "Por que, Papi?" "Porque tes moita cabeciña, meu rei".
No hay comentarios:
Publicar un comentario