Abusadora



  Abusadora é unha canción con moito ritmo. Cando eu traballaba nunha fábrica lavando parrillas, eu cantaba a "Abusadora" e non había quen me gañara lavando nelas. Agora, cos moitos anos que teño (sempre terei un ano menos que moitos), preciso andar. Levo un MP3 e cando alguén me adianta, métolle a "Abusadora" e recupero a posición perdida. Este verán, andando pola praia, de Razo a Baldaio, adiantoume unha moza. Puxen a "Abusadora" e conseguín poñerme á súa altura, pero non fun quen de adiantarlle. Chegou antes ca min a Baldaio e cruzouse comigo na volta e díxenlle coa miña lingua pequena "Abusadora".
  Falando cun coñecido que se chama Xocas, uns días despois, resultou que el tamén tiña unha "Abusadora", e non só iso, senón que era a mesma "Abusadora". Non lle chamaba Abusadora porque ela o adiantase, senón porque el non era capaz de collela. Xocas ten uns cus de vaso por lentes, baila, canta, conta contos... É moi divertido, pero cando ten que lidiar coa Abusadora, córtase, apóucase e non é ninguén. Ten moito sentido do humor, pero ten pouco sentido do amor, pois, segundo me contou, está impoluto.
  Uns días despois, nunha cea-baile, á hora do baile, puxeron a canción "Abusadora" e eu saquei a bailar a "Abusadora". Imposible seguirlle o ritmo. Así que a deixei, máis ben deixoume.
  Alí tamén estaba o meu amigo Xocas, e dixen: "Seguro que el sería capaz de levarlle o ritmo, pois el é un gran bailarín". Fun  xunto do poñedor de discos e pedinlle que puxera outra vez a "Abusadora". Díxome que si, pero tívenlle que contar o conto do Cocón.
  O conto do Cocón é unha historia que Xocas sempre conta (non debe saber outra). Voúvola  contar: "Era un albanel moi bruto, moi bruto, que estaba a traballar e veulle un compañeiro e díxolle: "A túa muller estache a pór os cornos" e o albanel, cabreado, marchou para a súa casa. Atopou á súa dona espida e díxolle: "Que fas espida?" E ela contestou: "Voume  duchar", e el púxose a mirar polo cuarto, a ver se atopaba ao corneador, pero non atopou nada. A un certo punto chegou a filla chorando e díxolle, levantando a colcha da cama, e sinalando debaixo da cama: "Papá, papá, papá... aquí esta o cocón". E el díxolle á muller: "Esta vez salvácheste, pero a próxima mátote a ti e mais ao outro", e mirando para debaixo da cama dixo: "E ti, que sexa a última vez que lle pos medo á miña filla".
  Así que vin que o poñedor de música ía  poñer novamente a "Abusadora", díxenlle a Xocas: "Quítaa a bailar". El que non, eu que si... e deille un empurrón e alí quedou nos brazos da Abusadora. Que gran baile! Daba xoia, xenio e gusto velos. Cando acabou, fun  xunto ao Xocas e dixen: "Con esas lupas que tes, podes ver mellor ca ninguén os diamantes que ten por ollos a "Abusadora".
  Eu e mais Xocas, aínda que somos amigos, non podemos estar xuntos. Chocamos moito, pois os dous queremos ser protagonistas. Pode que Xocas lea esta historia, e se non a le, peor para el. Pois endexamais saberá que el é o número un. Nin saberá, que se a canción fose "Islas Canarias" en vez da "Abusadora" el sería o número dous.




No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo