Bombas silenciosas


  Contoume o meu amigo Antón, o que el facía para aguantar o ruído das bombas nas festas: "Eu tiña un exército de cen soldados e o inimigo imaxinario, outros cen. Cada bomba que soase dun estalo mataba dez soldados do exército inimigo. Cada bomba de múltiples estalos, cada estalo mataba un soldado dos meus. Ao final do bombardeo sabía quen gañaba a guerra".
  O meu amigo Gumersindo da Rachola sempre lle tivo tirria ás bombas -non coñecía este truco-. Cando lle tocou de levar a súa filla ás festas de fin de curso, comíano os demos. Que teñen que ver as bombas e un dúo musical coa diversión dos nenos! Iso era o que facía a antiga asociación de pais. Por iso cando unha nova asociación decidiu eliminar as bombas e o dúo, e contratar inflables, touro mecánico, casa de bólas... Felicitou á nova asociación.
  Fai uns días Gumersindo foi á praia de Louro -en Muros- e era a festa do Carme. E alí na praia, despois da procesión, fixéronlle unha homenaxe ás vítimas do mar. Uns mariños, nunha lancha, levaron unha coroa de flores ao medio da ría e alí pousárona, e varias lanchas que alí había, deron voltas ao redor da coroa. Hai anos as lanchas eran barcos, pero a crise...!!
  Despois empezou o concerto bombeiro. Gumersindo escapou do ruído canto puido. Atopouse cunha coñecida e díxolle: "Odio o ruído das bombas, entendo os fogos artificiais, pois as luces e as cores medio matan o ruído enxordecedor, pero isto é inaguantable". E ela díxolle: "É unha maneira de dicir que é festa! E senón que farían os fogueteiros?" "Pois que fagan bombas silenciosas, aromáticas, que desprendan olor agradable. Tipo Chanel Nº 5, auga de rosas, Mosquino, a flores, en definitiva. Ou senón aínda mellor: a mar, a centolas, a percebes, a mexillóns...
  Pola tarde, Gumersindo deitouse na area e non puido evitar escoitar unha conversa telefónica dunha turista, que era española, pero non era galega. Gumersindo entendeuna, pois ten idiomas. A conversa era así: "Estoy en la gloria! Sabes que estoy al sol y no sudo. Si me meto debajo de la sombrilla tengo frío. De noche me pongo una chaqueta y en la cama me tapo con una manta. Y lo mejor de todo; como mar todos los días, en forma de sardinas, de jurelos, nécoras, mejillones, berberechos, navajas, luras..., las luras son los calamares. Está todo muy bueno". Teñen que ser os turistas os que valoren o noso. E  nós pensamos que o de fóra é o mellor. Falando de turistas que quedan abraiados do noso, lémbrome dun conto. Un conto que atopei por casualidade nunha cinta de Farruco. Dicía así: "Estaban bailando un tango Xosé e Maruxa. E di Maruxa: "Aii Xosé!! Parece que me están entrando ganas de facer o lamor". "Pois eu tamén as teño, vamos para a palleira". Estaban no mellor do conto, cando apareceu un prato voador, do que saíu unha parella de marcianos que estaba por Galicia, pois en Marte querían celebrar unha festa astronómica. As festas de Galicia a verdade é que son astronómicas, pero máis ben son gastronómicas e os marcianos trabucáronse. Tamén collían información dos costumes e tradicións. Total que dixo Maruxa: "Deben ser toristas". "Son muller son. Por que non facemos un intercambio cultural? Ti vas co marciano e eu vou coa marciana". "Paréceme moi bien , moi bien, moi bien". E así fixeron. Ao cabo dun tempo máis que prudencial, chegou Maruxa onda o Xosé, toda despieitada, de xeonllos, toda contenta. Dicía: "Ai Xosé!! Ai Xosé!! Que ghosada!!". "Conta muller, conta". "Ai Xosé que ghosada!! Baixou o pantalón e quitou un piranghallo pequeniño, pequeniño. Parecía un verme. Tirou dunha orella e aquel verme medrou, medrou...; era ghrande coma un piñeiro, pero delghado coma un fiúncho, pero tirou pola outra orella e enghordou, enghordou... Ai Xosé que ghosada! Que ben o pasei". E o Xosé dixo: "Xa me parecía a min, pois a marciana non facía máis que tirarme polas orellas!!" E o marciano, todo derreado, extasiado, extenuado..., chegou ao prato voador, colleu unha bomba e lanzouna ao ceo de Marte onde estoupou e dela saíron unhas letras de fume OXLFKJ CACHLIN, que en idioma marciano queren dicir VIVA GALICIA. En resumo, o das bombas debe ser cousa interplanetaria e Galicia é unha festa continua de verán con ou sen bombas silenciosas.

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo