Anestesia parcial, non total!

  Entran dous amigos no cine e séntanse detrás dun calvo, e dille un ao outro: "Manolo, se me dás 500 pesetas pégolle unha hostia ao calvo ese". "Sei que toleaches, vannos botar fóra do cine, imos ter problemas". "Que non pasa nada, ti dáme as 500 ptas". Manolo deulle os cartos e o outro deulle semellante hostiazo ao calvo, dicíndolle: "Coño Pepe! Canto tempo sen verte. Que é da túa vida?" "Oiga, que yo no soy Pepe!" "Como non vas ser Pepe se fomos xuntos á escola, fomos xuntos ás mozas..." "Nooo! Que yo no soy Pepe!" "Vostede perdoe, debo estar enganado". Pasaron dez minutos: "Manolo, se me dás outras 500 pesetas doulle outra hostia ao calvo ese". "Ti toleaches! Imos ter lío, coñécenos todo o mundo, imos  ser a vergoña da vila". "Que non pasa nada, ti dáme as 500 pesetas". Séntese outro hostiazo: "Pero Pepe! Que maneira de tomarme o pelo. Dicirme que non es Pepe, se fomos xuntos á mili, fun á túa voda..." "Qué yo no soy Pepeee!", dixo o calvo berrando. Levantouse e marchou. Pasaron outros dez minutos: "Manolo, mira a ver se ves ao calvo". Manolo mirou e dixo: "Está sete filas máis atrás". "Pois se me dás 1000 pesetas doulle outra hostia ao calvo ese". "Es incorrixible! Toma". Saíron do cine, entraron outra vez e puxéronse detrás do calvo e pumm!, hostiazo que te criou!: "Pepe,Pepe! Non sabes o que me acaba de pasar? Pegueille dúas hostias a un fulano que estaba alí diante, pensando que eras ti!



  Este conto conteillo a Tito de Ernesto, no bar YEYE e empezou a rir, a chorar coa risa e non paraba. Así que se calmou un pouco, díxome: "Eran ben parecidos!" Non lle dei explicacións, os contos non se explican, e díxenlle: "Veña! Vamos para Malpica". Fomos para a estrada de Malpica  facer dedo. E facendo dedo e andando, e andando e facendo dedo, cada vez que sentiamos un coche, e así chegamos a Malpica, andando e co dedo na man. Xa en Malpica fomos a un ultramarinos e compramos unha barra de pan e 200 gramos de mortadela e unha botella de viño Coes. Fomos para a praia e alí fixemos a merenda-cea. Despois marchamos para a discoteca e tomamos un par de cervexas entre bailadas e bailes coas mozas. Despois collemos un taxi e ás tres da mañá, na casa. Así era máis ou menos a nosa maneira de divertirnos.

  A xuventude de agora emborráchase por sistema. Van  ver quen se emborracha primeiro. Nin os que gañan nin os que perden se decatan do resultado. Non se decatan de nada.


  Teño que dicir que eu unha vez emborracheime a puro intento. Foi unha promesa para celebrar que o golpe de estado de Tejero non fose adiante. Para celebrar a victoria da democracia. Cóntovolo: Torrado e mais eu estabamos de escribentes de garda ese día, no noso cuartel, en Lleida, que era unha das prazas que se levantaron contra o Estado. Era gobernador militar Alfonso Armada Comín, un dos implicados. Estivemos todo o día e toda a noite para alí, para acó, para aló facendo inventarios de armamentos, persoal, provisións... e prometemos emborracharnos se todo quedaba nun susto. Grazas a Deus e mais ao Rey, así foi. Así que ao vindeiro sábado fomos a un supermercado e mercamos unha botella de xinebra barata e unha de Cola de 2 litros. Tiñamos un cuarto alugado na cidade e para alí fomos. Comemos uns bocadillos. Tomamos uns cubatas con ánimo de ir á discoteca, pero ás cinco da tarde quedamos durmidos e durmimos ata as 8, ata as 8 da tarde do día seguinte que nos veu  despertar a policía militar, pois xa nos botaban de menos no cuartel.
  Non hai borracheira xustificada, non me enterei da primeira fin de semana despois do golpe de estado. Non hai nada que xustifique unha borracheira, nin sequera a victoria da democracia. Xuventude, divino tesouro! Xuventude, tesouro divino! Se fose divino, se fose de vino en vez de tequila, xinebra,
ron, uisqui... Recapacitade! Se tedes que beber unhas copiñas falando cos amigos, unhas copiñas en sociedade, si, pero non beber por beber. Anestesiádevos parcial, non totalmente!

No hay comentarios:

Datos personais

Mi foto
A Casilla,Carballo, GALICIA, Spain
A foto do meu perfil é un capricho da natureza, a mín paréceme a cara de Benito Pérez Galdós nos billetes de 1000 ptas. Dame pena que ninguén saiba de esta curiosidade. Está o carón da antiga sala de festas a Revolta en Carballo. Gústame escribir, intento facer rir, meténdome cos políticos, ca vida misma e comigo mismo. Gústame ensalzar a xente anónima, gústame facerlle homenaxes a xente que o merece. Fago relatos por encargo e intento que mos publiquen nos xornais.

Blogues nos que participo