Hai uns días estiven comendo nun deses restaurantes e preto de min, noutra mesa, estaba un camioneiro mastodóntico. Debía pesar 200 quilos. De primeiro papou tres pratos de lentellas, usando un garfo. O camareiro decatouse e díxolle: "Ten vostede aí a culler". "Xa sei, só que eu como practicamente todo co garfo", respondeulle. De segundo papou tres costelas de terneira con patacas fritidas. De sobremesa seis iogures, que cando os pediu o camareiro preguntoulle: "Tráiolle un garfo para os iogures?" "Non, ho! Os iogures si que os como coa culler", díxolle o outro. E co café mandoulle seis Tokkes.
Eu aínda estaba a comer o primeiro prato, e veu o camareiro e díxolle: "Quere algo máis o Señor, ou teño que dicir Señorito?" E contestoulle o camioneiro falando moi alto: "Señor!, señor, dende os 16 anos, a paisana e máis a eu escapamos da casa, pois os pais dela non a deixaban saír comigo. Estivemos dúas semanas en paradoiro descoñecido durmindo nos palleiros e en pallotes ata que acabamos os cartos e nos apretou a fame. Tivemos que volver á casa e tivemos que casar. Tardamos dous anos en ter nenos. Tivemos sete, e menos o máis pequeno, están todos á súa vida. E sabes o que me dixo o outro día a paisana? Díxome: "Sabes que estou a pensar? Que se te denuncio por malos tratos queda todo para min". E eu contesteille: "Que che parece se me suicido e así tamén cobrarías a viuvez?"
Preguntarédesvos que ten que ver esta historia coa HISTORIA. Pois non o sei; levo traballando dende os catorce anos e agora aínda nos engaden dous de propina. Os anos non perdoan e moitas veces xa non sei o que fago, o que falo nin o que escribo. Estou a perder dificultades. Digo dificultades en vez de facultades, confundo a dereita coa esquerda, non distingo a Aznar de Zapatero, confundo misión de paz con misión de guerra. Non sei por que se fan as misións en sitios onde hai petróleo. Acaso as misións funcionan con gasolina? Non entendo que fai Zapatero cos banqueiros e cos grandes empresarios, nin tampouco que fai Rajoy cos traballadores e cos autónomos.
Vou velliño, este ano tíñame que xubilar, pois cumpro 2465 anos, pero teño que esperar ata os 2467. Esquecíame de dicirvos quen son: son Herodoto, o Pai da HISTORIA.
No hay comentarios:
Publicar un comentario