Había un novato no noso reemprazo ao que lle faltaba moito mundo, pois estivera no monte coas cabras toda a súa vida. Non sabía ler, nin menos escribir. Chamábase Nazario. Alfredo, un veterano, emperrenchouse con Nazario e fíxolle un par de putadas que me acenderon a sede de vinganza. Decidín romperlle o corazón a Alfredo, a pesares de que non tiña corazón. Moito mal me pareceron aquelas falcatruadas!
De alí a uns días coincidimos no xardín Alfredo e mais eu con dúas rapazas. Alí estivemos falando con elas e acendéuseme unha luz: "Esta é a miña!", pensei. Díxenlle a Alfredo que Montse (a máis guapa) non lle quitaba ollo. Púxose todo dereito e orgulloso. A mecha estaba acesa. Andou a dicir e a fachendearse polo cuartel que ligara unha catalá.
Escribín unha carta (xa daquela tiña esta teima) onde poñía: "Me llamo Montse, ¿te acuerdas de mí?. Espero que sí. Coincidimos el domingo pasado en el jardín. Te preguntarás por qué sé tus señas. Me las dio tu amigo Jose Manuel el otro día que lo vi y le pregunté por tí. Y aquí estoy. Quedé impresionada de tu pelo rubio, de tus ojos azules, de tu sonrisa, de tu simpatía. Creo que estoy enamorada de ti. Me gustaría volver a verte. Te espero en el mismo lugar y a la misma hora en que aconteció nuestro primer encuentro. Estoy deseando que sean las cuatro del próximo domingo. Nos vemos".
Esta carta metina nun sobre usado, un selo usado e o cuño da nosa compañía e díxenlle ao cabo furriel: "Cando repartas o correo, pódeslle dar esta a Alfredo?" "Como non!", contestoume.
Alfredo recibiu a carta. Eu fun incapaz de achegarme a el, pois tiña medo de delatarme coa risa. Cando xa quedei deshidratado de tanto chorar coa risa, achegueime ao seu carón e alí estaba coa carta arrimada ao seu peito e díxome: "Viches? Téñoa no bote!" "Non me digas, que sorte tes!", contesteille eu.
Así estivo fachendeándose toda a semana. O domingo cando volveu da cita o home non sorría. Fun xunto del e dixen: "Que tal a cita?" Respondeume enfadado: "Xa sabía que era unha broma túa". E contesteille tamén enfadado: "Fíxeno para que aprendas a facer falcatruadas. Pódeslle facer a Nazario un sobre ou unha petaca na cama, pero non meterlle unha rata debaixo da almofada. Podías meter a Nazario no armario e meterlle unha moeda pola fenda, para que cantara a modo de Jukebox, pero non tirar o armario, con Nazario dentro, polas escaleiras abaixo".
Non, non, Alfredo non sabía que era unha broma miña, pois de alí a uns días chegou de volta unha carta que el lle escribira a Montserrat Pascual. Téñoa na casa dende fai trinta anos. Non vola vou contar; só vos digo a última frase: "Io también te ciero mucho". Alfredo tiña moza na súa terra, esquecérame de contalo. Non lle partín o corazón, pero durante uns días tivo o corazón repartío. Pasados uns días Nazario díxome: "¿Gallegueiro, sabes que Alfredo me pidió perdón?" E díxenlle , poñéndolle o brazo polos ombreiros: "Nazario, Alfredo agora si que é veterano e Presiento que este es el comienzo de una hermosa amistad".
No hay comentarios:
Publicar un comentario