Teño un coñecido que é moi de costumes. Acostúmase nun lado e non hai quen o mova. Leva dende sempre en Movistar, e fai oídos xordos a todas estas ofertas: "Se te cambias regalámosche un terminal de última xeración". O outro día chamárono de Yoigo e contestoulle: "Yonoigo" e, de feito, non oe. Foi o outro día ao otorrinolaringólogo e non sabe o que lle dixo, como non oe...!
El está encantado en Movistar, ten un planazo de falar dez minutos diarios. Cando se lle acaban recibe unha mensaxe, moitas veces ás tres ou catro da mañá, pero non lle importa, pois gústalle espertar e volver a durmir e así dorme dúas veces. O peor é a última despertada, a despertada da levantada, esa si que lle doe. Hai veces que pensa: "Se non me deito, non teño que levantarme, e xa durmirei nas pestanexadas", pero nunca o fixo.
Pero ao que iamos, cando os operadores o chaman para ofertarlle algo novo, el fala con eles en galego e eles en sudamericano. Non se entenden, pero o intercambio cultural paga a pena. Incluso está desexando que ese ERE que vai facer Telefónica, sexa un ERRE (R dobre), para que poñan as tendas en Sudamérica e así facer unha viaxe para mercar os terminais. O meu coñecido non entende que se premie a traizón, que non se premie a fidelidade. Fastídialle moito que lle digan: "Domiciliei a nómina no teu banco e regaláronme unha televisión plana de 28 pulgadas", e el co seu armatroste prehistórico. A el o máis que lle regalaron foron uns caramelos e un bolígrafo.
E mirade que lle digo: "Desdomicilia a túa nómina e despois vólvea a domiciliar no mesmo banco, para que che regalen esa televisión. Faino por min, pois levo 20 anos aguantando ese vello armatroste, que debe pesar 70 quilos".
Preguntarédesvos quen son. Son a mesa da televisión do meu coñecido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario